Saturday 23 de November de 2024

Feijóo avanza que a Xunta empezará a distribuír o superávit de responsabilidade pensando no futuro de Galicia: “dos nenos, da educación, da sanidade pública e do país”


“Deixamos unha Galicia estable, con confianza e con certezas porque hoxe temos máis recursos adicionais e máis futuro”, recoñece, incidindo en que cumprir o déficit público permitirá seguir investindo na mellora dos servizos públicos

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou no Pleno da Cámara que a Xunta empezará a distribuír, xa no vindeiro Consello, o superávit de responsabilidade pensando no futuro de Galicia: “dos nenos, da educación, da sanidade e do país”. “Deixamos unha Galicia estable, con confianza e con certezas porque hoxe temos máis recursos adicionais e máis futuro”, recoñeceu, incidindo en que cumprir o déficit público permitirá á Comunidade seguir investindo na mellora dos servizos públicos e incrementar a sanidade, a atención á dependencia, os servizos sociais e a educación.

Nesta liña, Feijóo resaltou que o Plan estratéxico de Galicia 2015-2020, presentado na Cámara polo conselleiro de Facenda, pon de manifesto que “Galicia deixa escrita a súa política económica ata 2020 e que contou cunha política económica desde 2009 ata 2016”.

“Os resultados da nosa política económica é que na Comunidade galega estamos crecendo: baixa o paro e increméntanse as afiliacións á Seguridade Social, soben as exportacións, a produción industrial, a confianza dos consumidores e baixan os impostos”, abundou, subliñando que se no primeiro trimestre de 2013 a EPA falaba de 287.000 parados, agora hai 60.000 menos; e se as afiliacións á Seguridade Social eran de 908.000 persoas, hoxe hai 34.500 afiliados máis.

Sobre este punto, destacou ademais que o 75% dos asalariados en Galicia teñen emprego indefinido. “O contrato indefinido subiu no último ano en máis de 6.800 persoas e os contratos a tempo completo en 48.000”, explicou, subliñando que a taxa de paro en Andalucía é 10 puntos maior que a de Galicia; en Extremadura é 9,9 puntos, en Castilla- La Mancha, 7,3 puntos e en Comunidad Valenciana, case 4 puntos máis que na Comunidade galega.

Necesidade de reformar o actual sistema de financiamento das comunidades
Durante a súa intervención, Feijóo destacou tamén a necesidade de reformar o actual sistema de financiamento das comunidades autónomas; un modelo que, segundo afirmou, non se rexeu polo principio de cubrir os custos reais dos servizos públicos, “senón para tentar manter o goberno de Zapatero e o tripartito catalán”.

“Estamos a falar, en definitiva, dun modelo incorrecto, inxusto, que non financia o custo real dos servizos e, en consecuencia, dun modelo que hai que rectificar”, insistiu, afirmando que Galicia non quere un sistema de financiamento para un territorio. “Nós non queremos falar de independencia, queremos falar de persoas, do custo da sanidade dos maiores de 65 anos e dos maiores de 85 e de 95 anos. Queremos un sistema de financiamento para os galegos en pé de igualdade co resto das comunidades e das persoas de España”, sentenciou.

O titular da Xunta afirmou que o Goberno galego conta cunha postura técnica e sólida e avogou por establecer contactos con outras comunidades neste eido. Así mesmo, lamentou que os grupos da oposición non estean a favor de pactar unha proposta conxunta de Galicia para un novo sistema.

Compromiso co sector agrogandeiro
En resposta ás preguntas dos grupos no Pleno da Cámara galega, Feijóo reiterou tamén o compromiso da Xunta co sector agrogandeiro, e expresou o seu convencemento de que ao igual que Galicia superou os atrancos no sector naval e da automoción, “tamén superaremos os atrancos no sector lácteo”.

Neste contexto, salientou que desde o 1 de xaneiro de 2016, “e por primeira vez na historia de Galicia, ninguén paga un euro por mercar, nin por vender, nin por permutar unha soa leira, un só predio e unha soa propiedade no rural”. “Nós, o que fixemos foi manter os fondos da Política Agraria Común, aprobar novas leis para o medio rural, cobrar menos impostos aos gandeiros e aos agricultores e investir máis en modernización e innovación”, aseverou, recordando que o rural galego conta cun investimento de 1.200 millóns de euros a través do Programa de desenvolvemento rural de Galicia.

Feijóo concluíu destacando que 757 mozos solicitaron incorporarse ao medio rural; “e hai máis de 2.200 solicitudes para mellorar as explotacións gandeiras”.