Wednesday 08 de July de 2026

O PSdeG acusa á Xunta de volver atrasar o aparcadoiro do CHUS e reclama solucións inmediatas


Marta Abal denuncia que, case dous anos despois da sinatura do protocolo entre Xunta e Concello, o único anunciado pola Xunta foi “un novo atraso e tamén un cambio de localización”, sen prazos nin certezas sobre a execución da infraestrutura.

As e os socialistas reclaman transparencia sobre o novo proxecto, a posta en marcha inmediata das medidas de mobilidade previstas e un modelo de xestión pública con tarifas accesibles e beneficios para as veciñas e veciños de Santiago.

A concelleira do Grupo Municipal Socialista, Marta Abal, denunciou hoxe que a Xunta de Galicia segue sen ofrecer unha solución real ao grave problema de aparcamento do Hospital Clínico Universitario de Santiago e advertiu de que, mentres se suceden os anuncios e os cambios de criterio, milleiros de pacientes, profesionais e familiares continúan sufrindo cada día as consecuencias da falta de planificación do Goberno de Alfonso Rueda.
Abal lembrou que o CHUS é o hospital de referencia dunha área sanitaria de 42 concellos e preto de 445.000 persoas e advertiu de que “estamos a falar dun problema histórico”, que se agravará coa ampliación do hospital e coa construción do Centro de Protonterapia. A propia Xunta recoñeceu no estudo de mobilidade encargado en 2023 un déficit de 328 prazas de aparcamento nas horas punta, unha cifra que ascenderá ata as 611 cando rematen as obras.
A concelleira socialista criticou que, case dous anos despois da sinatura do protocolo entre Xunta e Concello, “o novo anuncio por parte da Xunta non foi un calendario de execución senón un novo atraso e tamén un cambio de localización”. Abal lembrou que en 2024 a Xunta comprometera a licitación do aparcadoiro en paralelo ao Proxecto de Interese Autonómico e advertiu de que agora cambia de criterio sen ofrecer explicacións. “A Xunta de Galicia leva anos facendo anuncios que non cumpre, con datas absolutamente incertas”, asegurou.
Neste contexto, o Grupo Municipal Socialista reclamou transparencia sobre o novo proxecto. “Cabe preguntarse: este cambio responde a cuestións técnicas ou a cuestións económicas?”, sinalou Abal, que tamén esixiu explicar por que xa non é posible executar o aparcadoiro en paralelo ao PIA.
Ao seu xuízo, “dá a sensación de que durante todo este tempo se estivo vendendo fume” e “non se abordou a cuestión coa seriedade e o rigor requiridos”, polo que reclamou que a Xunta deixe de ofrecer anuncios sen concreción. “É imprescindible que se fixen prazos concretos de cada un dos pasos necesarios para que o aparcadoiro sexa unha realidade”.
Como segunda demanda, o PSdeG reclamou a posta en marcha inmediata das medidas de mobilidade previstas pola propia Xunta. Sobre o aparcadoiro provisional de 500 prazas anunciado polo Goberno galego, Abal preguntouse: “Por que non se habilita xa?”, ao considerar que non ten sentido seguir adiando unha medida que podería contribuír a aliviar a situación actual.
Por último, Abal reclamou que o futuro modelo de xestión non sexa decidido unicamente polo SERGAS e lembrou que a bonificación do 100% do IBI suporá deixar de ingresar arredor dun millón de euros anuais. “O que non pode acontecer é que Santiago pague e repague o aparcadoiro”, advertiu.
A concelleira socialista defendeu que esa decisión debe “traducirse en beneficios reais para os composteláns e compostelás”, mediante “exencións, bonificacións ou condicións especiais”. Ademais, reclamou “un compromiso explícito” da Xunta cunha “xestión pública” e con “tarifas razoables, accesibles e adaptadas á realidade das persoas usuarias do hospital”.

Deja un comentario