A concelleira de Festas, Pilar Lueiro, presentou hoxe un avance das Festas do Apóstolo 2026, que este ano teñen como principal novidade o ‘videomapping’ que transformará a fachada do Pazo de Raxoi nun lenzo vivo, grazas á recadación da taxa turística. As celebracións arrancarán o mércores 22 co tradicional pregón e culminarán o venres 31 co concerto de The Rapants. Como é tradicional, as festas incluirán folclore, orquestras, cabezudos e por suposto os espectáculos pirotécnicos do 24 e o 31 de xullo. Ademais, as atraccións estarán na Alameda a partir do sábado 18.
Pilar Lueiro deu conta en rolda de prensa do avance da programación das festas do Apóstolo, ás que este ano se incorpora o videomapping co financiamento do imposto de estadías turísticas que o Concello aplica desde outubro, cun orzamento duns 100.000 euros. Trátase dunha proposta visual inmersiva que transformará o Pazo de Raxoi nun lenzo vivo, combinando creatividade, tecnoloxía e patrimonio nunha experiencia pensada para sorprender a veciñanza e visitantes.
Horario do ‘videomapping’
Este espectáculo ten unha duración de nove minutos e poderase ver na praza do Obradoiro os días 24, 25 e 26 de xullo. A noite do venres 24 haberá pases cada 15 minutos entre as 00.00 e as 2.00 horas, mentres que as dúas noites seguintes serán entre as 23.00 e a 1.00 horas.
A través dun percorrido narrativo cheo de imaxinación, a fachada cobrará vida mediante diferentes escenas que xogarán coa arquitectura do edificio. A construción e o derrubamento dos seus muros, os efectos de luz, os mecanismos ocultos que semellan dar vida ao pazo ou a irrupción da natureza converterán o espazo nun escenario en constante transformación.
O espectáculo evolucionará cara a universos cheos de cor e fantasía, nos que o edificio se converterá nun gran xoguete, se cubrirá de sorprendentes texturas e reinterpretará elementos da tradición galega desde unha linguaxe contemporánea. A música marcará o ritmo dunha posta en escena na que imaxe e son avanzarán da man ata desembocar nun espectacular final de fogos artificiais virtuais que encherán a fachada de luz e cor.
Este videomapping está deseñado pola empresa Quatro Gatos e será poxectado por Art Music como unha experiencia para todos os públicos que pon en valor o patrimonio arquitectónico de Santiago a través das novas tecnoloxías, ofrecendo unha mirada contemporánea sobre un dos edificios máis representativos da cidade.
Pilar Lueiro animou a veciñanza a gozar deste espectáculo no Obradoiro e a facelo con seguridade, seguindo ás indicacións e os fluxos.
Fogos do Apóstolo
Os tradicionais fogos do Apóstolo lanzaranse, coma o ano pasado, o día 24 de xeito sincronizado desde tres localizacións con variedade de efectos de cores a partir das 23.30 horas. A Alameda, a escalinata das Fontiñas (parque Carlomagno) e a Cidade da Cultura son os puntos de tirada do espectáculo pirotécnico, permitindo a un gran número de composteláns e compostelás e visitantes presenciar o espectáculo desde diferentes localizacións da cidade. O día 31 os fogos botaranse desde a Alameda.
O servizo de deseño, produción, montaxe e realización do espectáculo pirotécnico das Festas do Apóstolo adxudicouse mediante un contrato bianual para os anos 2025 e 2026.
Concerto de The Rapants
O venres 31 de xullo as festas do Apóstolo chegarán ao seu final e farano coa alegría e a sonoridade da banda galega The Rapants, que subirá ao escenario da praza da Quintana.
As actuacións musicais inclúen artistas internacionais como Lila Downs e Belém Tajes, que actuarán a noite do 24 tamén na Quintana.
Ademais, mantéñense citas clásicas coma os cabezudos, as orquestras na Alameda, a Festa Pícara, o día 23; as Xornadas do Folclore, o sábado 25; ou o Día do Traxe Galego, o domingo 26. As atraccións estarán instaladas na Alameda desde o sábado 18.
A concelleira de Festas avanzou que a persoa encargada de dar o pregón así coma o cartel das festas ao completo se desvelarán nos vindeiros días.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.