• O alcalde, Daniel Pérez, e o concelleiro Luis Lamas volveron comprobar hoxe sobre o terreo o taponamento da canle, que leva illada do mar dende maio
• O goberno local reclama á Dirección Xeral de Patrimonio Natural unha avaliación técnica urxente para evitar a eutrofización da auga e perdas no sector marisqueiro
O alcalde de Carballo, Daniel Pérez, e o concelleiro Luis Lamas volvéronse desprazar hoxe ata o espazo natural de Baldaio para comprobar a gravidade da situación na que se atopa a lagoa. O Concello vén de reiterar por vía oficial e urxente unha petición á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia para que actúe de inmediato ante o peche total da canle ao mar, que permanece bloqueada por mor da acumulación de sedimentos dende o pasado mes de maio.
Esta reclamación dálle continuidade á comunicación que o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Ángel Vales Mallo, xa trasladara o pasado mes de xuño ao Departamento Territorial da Coruña, sen que ata o de agora se tomase ningunha determinación por parte do organismo autonómico competente.
Durante a visita, os representantes municipais lembraron que non se trata dun feito illado. O sistema costeiro de Baldaio amosa dende hai anos unha gran inestabilidade debido á dinámica de areas na bocana, un fenómeno recorrente que xa obrigou a intervencións mecánicas de emerxencia no pasado para reabrir a canle e evitar o colapso do ecosistema.
A última crise tivo lugar o ano pasado, e o sector marisqueiro da ría estaba xusto agora comezando a recuperarse dos seus efectos negativos. O executivo local insiste en que non se pode permitir un novo retroceso na biodiversidade e na economía local por falta de axilidade institucional.
Impacto ecolóxico, económico e risco de inundacións
O taponamento impide o ciclo normal da auga intermareal, provocando un estancamento que acelera os procesos de eutrofización (proliferación de algas e falta de osíxeno) e a desalinización do espazo protexido.
O Concello alerta de que as consecuencias poden ser múltiples e moi graves:
• Turismo e saúde pública: o peche coincide coa tempada estival, afectando directamente á calidade das augas nun momento de máxima afluencia de bañistas e visitantes.
• Economía: pon en risco o sustento das familias que dependen directamente do marisqueo na ría.
• Seguridade veciñal: o posible aumento do nivel da lagoa pola falta de saída ao mar supón unha ameaza directa se non se actúa antes das épocas de choiva, nas que se teñen producido anegamentos de viarios públicos e vivendas da contorna.
Por todo isto, o Concello de Carballo esixe que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural valore tecnicamente a situación de xeito inmediato e estude medidas estables no tempo que restablezan o ciclo natural da lagoa, garantindo a súa conservación e a seguridade da veciñanza.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.