A lamprea, os queixos e os viños, protagonistas das catas e degustacións
A primeira edición do Foro Gastronómico do Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG), o Gastrofórum 2016, foi todo un éxito ao reunir a máis de 400 asistentes, entre público e participantes, converténdose nun acto de referencia.
O evento gastronómico, inaugurado o luns, ofreceu catas e degustacións de produtos galegos, algúns deles de especial singularidade como a lamprea, e foi punto de encontro de grandes profesionais do sector na capital galega.
Na xornada de hoxe, ao igual que o luns, realizáronse debates, centrados neste caso sobre a tradición e os novos modelos de restauración. Tamén a vertente práctica tivo un gran protagonismo, a través de catas e degustacións e tamén de talleres de cociña da man de grandes profesionais.
Deste xeito, pola mañá, realizouse unha degustación da lamprea, un peixe singular dos ríos de Galicia, e dos catro queixos galegos con denominación de orixe protexida: Arzúa- Ulloa, Cebreiro, Queixo Tetilla e San Simón da Costa.
Os viños tamén tiveron un lugar especial e realizáronse catas, impartidas por diversos profesionais, dos caldos das denominacións de orixe Valdeorras, Ribeira Sacra e Ribeiro. Os das Rías Baixas e de Monterrei xa foran abordados na aula do luns xunto con augardentes e licores tradicionais galegos e o aceite de Quiroga. A última hora da tarde, a coctelería clausurou a aula de catas ata a vindeira edición.
Doutra banda, o porco celta foi un dos invitados aos fogóns dos talleres de cociña que se desenvolveron ao longo de todo o día. Foron impartidos por grandes profesionais de recoñecidos establecementos de restauración. Da man destes cociñeiros, probáronse tamén outros produtos salientables na Comunidade galega como as conservas ou a carne de vacún de orixe galega, sen esquecer novas tendencias como as receitas xaponesas aplicadas á materia prima da terra. Na xornada do luns xa se presentaran receitas con outros produtos galegos como o peixe das rías, o mexillón ou o galo celta.
O evento contou coa experiencia duns 60 profesionais que impartiron as catas e talleres de cociña ou achegaron o seu coñecemento e opinión a través das tertulias gastronómicas. Así, déronse cita prestixiosos nomes como Pepe Solla, Sacha, Marcelo Tejedor, Héctor López, Javier Olleros, Caco, Luis Vieira ou Chef Rivera.