O BNG defenderá no pleno unha iniciativa para reclamar que o Concello de Ribeira impulse as xestións necesarias diante da Xunta de Galiza, do Goberno do Estado e das empresas de telecomunicacións co obxectivo de garantir que a fibra óptica chegue en igualdade de condicións a toda a veciñanza do municipio.
A formación nacionalista considera que o acceso a unha conexión a internet de calidade é hoxe un servizo esencial para garantir a igualdade de oportunidades, especialmente nas parroquias, onde aínda existen numerosas zonas sen cobertura de fibra óptica ou con infraestruturas xa despregadas que continúan sen entrar en funcionamento. Segundo explican, nalgúns casos é necesario completar o despregamento da infraestrutura de fibra óptica, mentres que noutros “a instalación xa existe, pero as compañías continúan sen activar o servizo, deixando á veciñanza nunha situación difícil de entender e de xustificar”.
O portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, lembrou que durante a etapa de goberno nacionalista no Concello mantívose unha comunicación constante coas empresas encargadas do despregamento da fibra óptica, facilitando os trámites necesarios para que este servizo chegase a numerosos núcleos do municipio. “Grazas a esa colaboración e á implicación do Concello foi posible que moitas zonas das parroquias contasen cun servizo que hoxe é esencial. Sempre defendemos que vivir no rural non pode significar ter peores servizos nin menos oportunidades que quen reside no núcleo urbano”, sinalou. Con todo, Pérez Barral advertiu de que aínda existen numerosos lugares de Ribeira onde a fibra óptica non chega ou, mesmo estando instalada, continúa sen prestarse o servizo, unha situación que considera inaceptable. “O goberno local non pode permanecer á marxe deste problema como está facendo. Debe retomar ese labor de interlocución coa Xunta, co Estado e coas empresas operadoras para desbloquear as actuacións pendentes e garantir que toda a veciñanza de Ribeira teña acceso a unha conexión de calidade. Esa implicación municipal é precisamente a que hoxe botamos en falta”, concluíu.
Un servizo imprescindible para a vida diaria
O acceso a internet foi recoñecido pola ONU como un elemento esencial para o exercicio de dereitos e oportunidades e lembra que cada vez son máis os aspectos da vida cotiá que dependen dunha boa conexión á rede. “Hoxe practicamente todo pasa por internet: facer trámites coa administración, presentar solicitudes, realizar a declaración da renda, estudar, teletraballar ou acceder a servizos básicos. Sen unha conexión de calidade é imposible falar de igualdade real entre a cidadanía”, afirmou Pérez Barral.
A iniciativa do BNG recolle exemplos concretos de zonas do municipio onde persisten problemas de conectividade, como a rúa Celeiráns, en Aguiño; a rúa Sabartán, en Carreira; ou o lugar da Lomba e a Subida ao Adro, en Palmeira, determinadas zonas de Artes, Olveira e Oleiros, entre outras localizacións que presentan situacións semellantes.
Para o BNG, esta realidade evidencia que aínda existe unha importante fenda dixital entre o núcleo urbano e o rural que debe ser corrixida coa implicación de todas as administracións competentes e das empresas operadoras.
“O Concello debe asumir un papel activo na defensa dos intereses da veciñanza. Non pode limitarse a esperar mentres hai persoas que seguen sen acceso a un servizo imprescindible. É o momento de esixir solucións e de defender que todas as parroquias conten coas mesmas oportunidades de desenvolvemento”, concluíu Luís Pérez Barral.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.