Tuesday 07 de July de 2026

Ribeira sacará en procesión a San Cristovo no 12 de xullo con homenaxe a Os Reventapistóns


 A celebración inclúe a tradicional bendición e percorrido de vehículos

San Cristovo é o patrón dos viaxeiros, condutores e transportistas e, na busca da súa protección, o Concello de Ribeira, a Asociación Cultural Alfaia e a parroquia de Santa Uxía, xunto ao Motoclub Os Reventapistóns, organizan para o 12 de xullo unha xornada especial segundo deron a coñecer o concelleiro de Festexos, Fernando Abraldes; o párroco, Alfonso Mera; e María José Carreira, en representación de Alfaia.
“Nesta fin de semana teremos unha celebración que congrega a gran número de persoas do noso municipio e que xa é unha tradición. Honraremos a San Cristovo cun oficio relixioso, bendición e percorrido dos turismos dos fieis que buscan o seu amparo”, en palabras do edil.

As actividades comezarán ás 10.00 horas coa concentración de vehículos no recheo do Malecón para, ás 11.00 horas, asistir á actuación do grupo de gaitas Xiada que amenizará unha parte da mañá.

Xa ás 12.00 horas oficiarase a misa solemne na igrexa parroquial de Santa Uxía na memoria das persoas falecidas en accidentes de tráfico e en especial homenaxe ao Motoclub Os Reventapistóns. Ao remate, a imaxe de San Cristovo sairá en procesión dende a praza de Porta do Sol ata o recheo do Malecón, acompañando a comitiva o grupo de gaitas Xiada e o motoclub homenaxeado. Unha vez na explanada portuaria, farase a tradicional bendición co posterior percorrido de vehículos.

Deja un comentario