Monday 06 de July de 2026

O alcalde e o presidente da Deputación asinaron o convenio que permitirá acometer as obras de humanización da Praza de Vigo


O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, achegouse hoxe ata Carballo para asinar co alcalde, Daniel Pérez, o convenio de colaboración que permitirá executar as obras de reforma integral da Praza de Vigo. A actuación conta cun orzamento de 337.500 euros, dos cales a institución provincial achegará o 80%, mentres que o Concello asumirá a contía restante con fondos propios.
O obxectivo principal do proxecto, redactado polo arquitecto José Carlos Seoane, é resolver as carencias actuais da praza _que dá servizo non só á veciñanza senón tamén ás persoas usuarias do centro de día e da residencia de maiores situados nela_, para transformala nun espazo de prioridade peonil e totalmente accesible.
Nese aspecto incidiu o alcalde: “Esta obra está pensada para eliminar barreiras arquitectónicas, para mellorar a accesibilidade e tamén para mellorar os servizos públicos desa zona, polo tanto non só vai mellorar a vida das persoas residentes nese ámbito senón tamén das usuarias da residencia e do centro de día de maiores. Esta actuación, conxuntamente co edificio de entidades sociais, que vai ser financiado pola Fundación Amancio Ortega, van supoñer un cambio importante non só a nivel da prestación de servizos, senón tamén accesibilidade e a mobilidade nesa contorna, porque tamén se vai actuar nas rúas circundantes”.
Daniel Pérez destacou a importancia da colaboración entre institucións para seguir avanzando na mellora dos servizos e, en consecuencia, na mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas.
Claves da reforma
Plataforma única e reordenación do tráfico: eliminaranse as barreiras arquitectónicas unificando as cotas de toda a superficie. O tráfico rodado de paso quedará restrinxido, reservando o acceso exclusivamente a residentes e usuarios/as de garaxes e a vehículos adaptados do centro de día e da residencia.
Novos pavimentos e mobiliario: a proposta combina un pavimento continuo de formigón con zonas de pedra natural. Está previsto instalar unha zona de bancos, entre eles un de granito de grandes dimensións, e unha pérgola para crear unha zona de estancia e de sombra.
Renovación de servizos básicos: substituirase a antiga rede de pluviais de formigón por unha nova de PVC de maior diámetro para mellorar a drenaxe. Así mesmo, dotarase a praza dunha nova rede de alumeado público con luminarias LED de última xeración.
Mellora ambiental: o proxecto inclúe unha zona de céspede e a plantación de seis novas árbores para substituír ás deterioradas palmeiras.

Deja un comentario