A concelleira socialista Marta Abal advirte da falta de planificación do executivo municipal e reclama a licitación inmediata para garantir a estabilidade do servizo.
O Grupo Municipal Socialista alerta de que a Escola Municipal de Música non pode seguir funcionando en precario nin depender de solucións provisionais para un servizo esencial da cidade.
A concelleira do Grupo Municipal Socialista Marta Abal denunciou que o Goberno de Goretti Sanmartín deixa caducar o contrato da Escola Municipal de Música sen ter preparada a nova licitación, unha situación que, ao seu xuízo, evidencia “a falta de planificación e previsión” do executivo municipal na xestión dos contratos máis importantes do Concello.
Abal advertiu de que o contrato do servizo remata mañá, 7 de xullo, sen posibilidade de novas prórrogas e sen que, a día de hoxe, exista información sobre a nova licitación. “Estamos falando dun servizo público esencial para moitas familias, para o alumnado e para a vida cultural e educativa da cidade”, sinalou, antes de engadir que “a Escola Municipal de Música merece estabilidade, rigor e garantías”.
A concelleira socialista lembrou que o Goberno municipal coñecía perfectamente a data de vencemento do contrato e, malia iso, non foi quen de preparar con tempo a súa renovación. “O Goberno de Goretti Sanmartín deixa en precario o contrato da Escola Municipal de Música, malia coñecer perfectamente a súa data de vencemento”, afirmou, lembrando que o executivo xa tivo que aprobar o pasado 15 de xuño unha orde de continuidade para evitar a interrupción do servizo.
Neste sentido, Abal subliñou que “a primeira condición para garantir un servizo público de calidade é que a súa situación contractual estea regularizada”. Ao seu xuízo, “non se pode manter un servizo destas características en precario nin deixar caducar contratos municipais fundamentais”, porque esa falta de planificación xera incerteza tanto para as persoas usuarias como para o persoal que presta o servizo.
Por iso, o Grupo Municipal Socialista reclama a licitación inmediata do contrato da Escola Municipal de Música para garantir a continuidade do servizo en condicións de estabilidade e seguridade xurídica. “A estabilidade nas condicións de traballo repercute, sen dúbida, na calidade do servizo que reciben o alumnado e as familias”, destacou a edil socialista.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.