• A concelleira Non Adscrita de Santiago sinala que a incorporación dunha única profesional na segunda semana de xuño é “insuficiente”, xa que deixa fóra do internado a cinco alumnos con gran dependencia.
• Álvarez lembra que existe un acordo plenario aprobado a finais do mes pasado respaldando esta demanda
A concelleira Non Adscrita, Marta Álvarez, esixe á Xunta de Galicia a cobertura total e definitiva do persoal de enfermaría do Centro de Educación Especial (CEE) A Barcia, así como o deseño dun protocolo urxente de substitucións que garanta a normalidade asistencial de cara ao vindeiro curso escolar.
A edil sinalou que a incorporación dunha única profesional na segunda semana de xuño, contratada pola Consellería de Educación, resultou “insuficiente para restablecer a normalidade asistencial e educativa”. Segundo explicou Álvarez, esta medida só corrixiu parcialmente o problema, xa que “a cobertura dunha única praza non substitúe ás dúas profesionais que prestaban servizo anteriormente” e, como consecuencia, cinco estudantes en réxime de internado seguen véndose obrigados a regresar diariamente aos seus domicilios ao rematar as clases por falta de atención sanitaria fóra do horario diurno.
Un problema que deixou a doce alumnos sen clase
A denuncia de Marta Álvarez chega tras semanas de extrema gravidade nas que a ausencia absoluta de enfermeiras no centro obrigou a un mínimo de doce alumnos —dun total de 61 matriculados— a permanecer nos seus domicilios ante a imposibilidade de garantir coidados vitais como a alimentación por sonda, a administración de medicación ou a supervisión de tratamentos.
As familias afectadas denunciaron publicamente o grave prexuízo que esta situación supuxo para o desenvolvemento dos menores e as insostibles dificultades de conciliación derivadas do parón presencial. “A atención de enfermaría en centros de educación especial non constitúe un servizo accesorio, senón un recurso imprescindible para garantir o acceso efectivo á educación do alumnado con necesidades sanitarias complexas”, defenden as Non Adscritas que advertiron que a falta destes profesionais “vulnera principios básicos de igualdade de oportunidades e inclusión”.
A concelleira Non Adscrita lembrou que o Pleno da Corporación de Santiago xa aprobou na última sesión ordinaria de xuño unha proposición das Non Adscritas para instar ao Goberno galego a asumir as súas competencias de maneira urxente.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.