Sunday 05 de July de 2026

O Concello de Ribeira convoca as axudas económicas individuais para favorecer a autonomía persoal


 O prazo de solicitude xa está aberto

O Concello de Ribeira convoca as axudas económicas individuais para favorecer a autonomía persoal, a mellora da accesibilidade e o apoio ao respiro familiar. Estas achegas por importe total de 35.000 euros, financiados a través do POS para gastos sociais da Deputación da Coruña, teñen por obxecto “mellorar o día a día das persoas perceptoras e a súa máxima integración, mellorando o seu benestar e favorecendo a súa mobilidade, comunicación e participación na vida social e económica da súa contorna”, explica o concelleiro de Servizos Sociais, Vicente Mariño.

Establécense dúas liñas de axudas: as axudas individuais destinadas á promoción da autonomía persoal e a mellora da accesibilidade, dotada con 25.000 euros; e os servizos para o respiro e a conciliación familiar a unidades de convivencia, con 10.000 euros.

As persoas que se poden beneficiar son aquelas que teñan recoñecida a situación de dependencia e/ou discapacidade e que reúnan os seguintes requisitos:
– Estar empadroado/a e ter residencia efectiva no municipio de Ribeira durante seis meses inmediatamente anteriores e continuados á data de presentación da solicitude.
– Que a renda per cápita da unidade de convivencia da que forma parte o solicitante non supere o 125% do IPREM establecido para o ano 2026, incluíndo as pagas extraordinarias. Cando a unidade familiar estea formada por dous membros, este límite será elevado ata o 150% do IPREM e, cando estea formada por un só membro, ata o 175% do IPREM.

O prazo para presentar as solicitudes é de dous meses a contar dende esta mesma semana cando se publicou a presente convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP). O trámite pode formalizarse na sede electrónica municipal, na Oficina de Atención Cidadá ou no Departamento de Servizos Sociais. Para calquera dúbida ou información, é preciso pedir cita a Servizos Sociais.

Deja un comentario