O Concello de Carballo vén de sacar a licitación as obras de mellora das pistas deportivas do Chorís, unha actuación que permitirá renovar e modernizar unhas instalacións que teñen un nivel de uso moi elevado.
O contrato conta cun orzamento de 151.108,56 euros, e as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 27 de xullo de 2026.
Con esta actuación, que ten un prazo de execución de 3 meses, o obxectivo prioritario da Concellaría de Deportes é corrixir o deterioro que presenta o pavimento actual debido ao seu uso continuado. O complexo non variará a súa superficie nin os seus usos, senón que experimentará un salto de calidade para ofrecer unhas instalacións óptimas tanto para a veciñanza en xeral e os centros educativos da contorna como para os/as atletas federados/as.
O proxecto céntrase na renovación integral da zona de atletismo, co obxectivo de mellorar a calidade e funcionalidade das instalacións. Entre as actuacións técnicas previstas destacan:
• Renovación total do pavimento do anel das pistas de atletismo.
• Novas zonas de saltos: execución dunha pista de salto de lonxitude co seu foso de area, así como áreas específicas para o salto de altura e o salto con pértega.
• Zona de lanzamentos: habilitación dun espazo exclusivo para o lanzamento de peso.
• Homologación oficial: pintado e sinalización de todas as disciplinas baixo os estándares da normativa deportiva NIDE 2024.
Os traballos estruturaranse en varias fases, comezando pola limpeza técnica profunda do terreo e as escavacións necesarias para os fosos. Posteriormente, executaranse as soleiras de formigón e as bases drenantes para garantir a evacuación da auga.
O punto clave da obra será a aplicación dun pavimento deportivo sintético multicapa, deseñado especificamente para instalacións exteriores. Este material de última xeración garantirá unha maior durabilidade ante as inclemencias meteorolóxicas, minimizará o risco de lesións e achegará o máximo confort na pisada.
Con esta actuación, o Concello continúa avanzando na mellora das infraestruturas deportivas municipais, dotando O Chorís dunhas instalacións renovadas e adaptadas ás necesidades actuais da práctica do atletismo e da actividade física en xeral.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.