Representará a Frades no torneo intermunicipal que se disputará en Tordoia os días 28 e 29 de maio
O equipo do Papucín proclamouse campión da X Liga Municipal de Fútbol Sala de Frades 2016 logo de golear ao conxunto do Paboi por 6 goles a 1 na gran final xogada no pavillón municipal de Ponte Carreira. Deste xeito, os xogadores do Papucín recuperan o título de campión do que xa disfrutaran nos anos 2013 e 2014 e representarán ao Concello de Frades no Torneo Intermunicipal de Fútbol Sala, que terá lugar os días 28 e 29 de maio en Tordoia.
O Papucín forxou o seu triunfo nunha sólida defensa, liderada polo seu porteiro Nico, que ao final levou o Trofeo Zamora ao porteiro menos goleado. Así, en semifinais impuxéronse ao Aiazo por un contundente 3-0; mentres que o Paboi derrotaba ao Ledoiro por 4 goles a 1. Na gran final, o Papucín derrotou ao Paboi por 6 tantos a 1. Deste xeito, o Papucín recupera un campionato que o ano pasado perdera diante do Xuventude de Frades, gañador das edicións de 2015 e 2012, e suma tres triunfos nos últimos cinco anos, o que o converten no equipo máis premiado nos dez anos de vida deste torneo.
O alcalde de Frades, Roberto Rey, foi o encargado de facer entrega dos premios, tanto aos equipos como os individuais. O trofeo ao porteiro menos goleado foi para o mencionado Nico (Papucín), mentres que o Pichichi foi para Meixide (Paboi).