O Concello denuncia un novo abuso da empresa Fenosa, neste caso atentando contra o traballo das comisións de festas. O Concello, para garantir que as festas se celebren con normalidade, asumirá o custo dun xerador eléctrico.
O Goberno municipal quere denunciar publicamente a situación sufrida polas comisións de festas de Dorneda e Maianca, ás que Fenosa pretendía cobrar 32.023,64 euros pola subministración eléctrica. Unha cantidade completamente desproporcionada que evidencia, unha vez máis, a forma de actuar dunha empresa que, aproveitando a súa posición de dominio, antepón unicamente os seus intereses económicos ás necesidades da cidadanía.
As comisións de festas realizan un traballo totalmente altruísta e imprescindible para conservar unha parte fundamental da vida social e cultural das parroquias. Durante meses dedican tempo e esforzo a organizar as celebracións, recadando fondos porta por porta e afrontando innumerables dificultades para que toda a veciñanza poda desfrutar das festas. Resulta inaceptable que, ademais dese sacrificio, teñan que enfrontarse a esixencias económicas deste calibre por parte dunha empresa que, privatizada no seu día, presta un servizo esencial.
Se este tipo de prácticas se xeneralizan, moitas comisións verían imposible organizar as festas populares, poñendo en risco unha tradición que forma parte da identidade dos nosos pobos e que só é posible grazas ao compromiso desinteresado dos que o compoñen.
As festas de Dorneda comezan hoxe, venres, e prolongaranse ata o domingo, cun amplo programa de actividades para todos os públicos, que incluirá as actuacións das orquestras Costa Dorada e Alkar, degustacións de langostinos, churrasco e navallas así como a terceira edición do Mercado de proximidade, entre outras.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.