Sunday 05 de July de 2026

A alcaldesa Goretti Sanmartín celebra a proposta do aparcadoiro do hospital e espera que resolva convenientemente todos os retos técnicos


A rexedora aplaude o avance para resolver o importante problema de aparcamento no CHUS, valora a nova localización e agarda que “a colaboración sexa o camiño de aquí en diante”. Tamén informou de que a Deputación conta xa coa proposta de adxudicación da obra de construción do novo espazo de usos múltiples no Centro Sociocultural da Rocha.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, compareceu este venres ante os medios de comunicación para dar conta de asuntos de actualidade e celebrou que “a mellor noticia desta semana é que hai, por fin, unha proposta para ter o aparcadoiro no hospital”.

Sanmartín lembrou que desde a sinatura do protocolo coa Xunta de Galicia pasaron dous anos, que se suman a “moitos máis cun problema de aparcamento moi grave que afecta a poboación compostelá e tamén á dunha ampla zona sanitaria que ten que acudir ao Hospital Clínico”, polo que o Concello demandou que se desenvolvera o aparcadoiro, preferiblemente no subsolo.

Con todo, a rexedora quixo poñer o foco en que o realmente importante é avanzar e resolver o problema de aparcamento no principal centro hospitalario de Galicia e contar cuns accesos e unha reordenación de toda a zona. Para iso, expresou o seu desexo que “a colaboración sexa o camiño de aquí en diante”.

A alcaldesa expresou tamén a súa satisfacción a respecto do cambio de localización exposto na comisión de seguimento desta semana, segundo o cal o aparcamento pasará a situarse na avenida da Mestra Victoria Miguez, con acceso directo desde esta vía. “Parécenos boa idea principalmente porque vai reducir o tráfico rodado a zona superior, de entrada peonil aos edificios, e permitirá que se ordene de xeito máis conveniente o terreo libre”, apuntou.

En todo caso, matizou que o Concello agarda ter en breve documentación técnica para poder avaliar o proxecto, xa que polo momento só conta cun bosquexo xeral da localización. “Os nosos servizos técnicos colaborarán, como así está acordado, en todo o que cumpra para que Santiago resolva este gran problema coas mellores solucións, cun deseño á altura da capital de Galicia”, asegurou.

O Concello financiará o 10% do custo dos terreos e das obras e bonificará o 95% do ICIO e do IBI para contribuír a este proxecto, que prevé 1.500 prazas de aparcamento para dar servizo ao Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS) e a súa ampliación, así como ao Centro de Protonterapia que entrará en servizo proximamente.

Novo espazo no CSC da Rocha

Por outra banda, Goretti Sanmartín informou de que a Deputación da Coruña ten xa a proposta de adxudicación da obra de construción do novo espazo de usos múltiples no Centro Sociocultural da Rocha.

“Logo de anos agardando a que se verificase este compromiso político coa veciñanza e a asociación da Rocha, alcanzado no mandato anterior, rematouse a elaboración e revisión do proxecto, que aprobamos na Xunta de Goberno en setembro de 2024, e en novembro de 2025 asinouse o convenio que recolle o acordo entre o Concello e da Deputación da Coruña, propietaria do inmoble”, recordou a alcaldesa compostelá.

A obra consiste na construción dun adro cuberto no que se poderán celebrar os actos que programe a asociación ou o propio Concello, que funcionará tamén como área de descanso na parte traseira do actual edificio.

O importe total da actuación ascende a 190.000 euros, entre proxecto e obra, dos cales a Deputación da Coruña, que é a propietaria do edificio, achega o 60%; e o Concello, o 40% restante.

Deja un comentario