• O Concello deixou escapar preto de 400.000 euros do Obradoiro Dual de Emprego, outros 400.000 do programa Talento Mozo e ata 700.000 euros de financiamento adicional para o SAF
• Os populares advirten de que agora tamén están en risco 50.000 euros do CIM ao seguir sen aprobarse a Conta Xeral de 2024
• Izaskun García: “O prezo deste caos administrativo págano os veciños. Cada euro perdido é unha oportunidade menos para desempregados, novos e persoas dependentes de Culleredo”
As denuncias realizadas durante os últimos meses polo Partido Popular de Culleredo terminaron confirmándose unha tras outra. O que o goberno de José Ramón Rioboo cualificou de “mentiras” ou “electoralismo” traduciuse finalmente nunha sucesión de axudas públicas perdidas que alcanza xa os 1,5 millóns de euros. Para a portavoz popular, Izaskun García, xa non se trata de erros illados, senón dun problema estrutural de incapacidade de xestión. “Cando un goberno perde unha axuda pode falarse dun fallo puntual. Cando perde unha detrás doutra, o problema é a forma de gobernar”, sinala.
Os populares lembran que o goberno municipal deixou escapar unha subvención autonómica de preto de 400.000 euros correspondentes ao Obradoiro Dual de Emprego ao non ter presentada en prazo a Conta Xeral de 2024, requisito imprescindible para acceder á convocatoria de 2026. Tras a denuncia do PP, o executivo de Rioboo restou importancia ao asunto asegurando que habería unha segunda convocatoria. Con todo, a propia concelleira de Economía e Facenda recoñeceu no pleno celebrado o pasado martes que Culleredo non solicitou a axuda nesa nova oportunidade. A esta perda súmase o programa da Xunta de emprego xuvenil Talento Mozo, dotado tamén con preto de 400.000 euros, ao que o Concello nin sequera se presentou.
O PP lembra igualmente o caso do Servizo de Axuda non Fogar (SAF). O goberno municipal non tramitou dentro de prazo a adhesión ao acordo entre a Xunta e a FEGAMP para incrementar o financiamento autonómico do servizo destinado a atender a persoas maiores e dependentes. Tras facerse pública a denuncia, o alcalde volveu negar o problema e acusou ao PP de faltar á verdade, asegurando que o incremento era automático. Os feitos volveron demostrar o contrario: o Concello tivo que aprobar a adhesión pasado o prazo e Culleredo quedou fóra do novo sistema de financiamento, perdendo ata 700.000 euros.
Agora, os populares advirten de que tamén están en risco os 50.000 euros de subvención para o Centro de Información á Muller (CIM), ao seguir sen aprobarse nin remitirse ao Consello de Contas a Conta Xeral de 2024, requisito esixido para acceder a esta convocatoria. “Gráveo é que o prezo deste descontrol págano os veciños. Cada euro que perdemos en axudas é unha oportunidade menos para persoas desempregadas, para facilitar a incorporación laboral dos mozos, para mellorar a atención ás persoas dependentes ou reforzar os servizos dirixidos ás mulleres. Non son cifras sobre o papel, senón oportunidades claras que Culleredo perdeu ou pode seguir perdendo”, afirma Izaskun García.
A portavoz popular considera que esta sucesión de feitos demostra que o verdadeiro problema do Concello non é a falta de recursos, senón a incapacidade do executivo local para xestionalos. “Mentres outras administracións poñen financiamento ao dispor dos municipios, o goberno de Rioboo deixa pasar as convocatorias, incumpre os prazos e fai perder a Culleredo moito diñeiro que melloraría a vida dos veciños. Esa é a realidade que hoxe xa ninguén pode negar”, explica. “Culleredo necesita un goberno que chegue a tempo, xestione con rigor e aproveite cada euro dispoñible. Iso é xusto o que defendemos desde o Partido Popular”, engade.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.