O Bloque Nacionalista Galego de Ribeira quere recoñecer publicamente o 25º aniversario do Museo do Gravado de Artes (Mugart), un cuarto de século de traxectoria dunha das institucións culturais de referencia en Galiza. Á celebración asistiron o exalcalde e portavoz municipal do BNG, Luís Pérez Barral, xunto coas concelleiras Cruz Rivadulla, Antía Alberte e Veva Betanzos, así como outros membros da organización.
Durante o acto, Pérez Barral trasladou os parabéns a Javier Expósito, coleccionista e fundador do museo, polo seu compromiso coa cultura e pola visión que o levou a crear un espazo único arredor da arte do gravado. O portavoz nacionalista tamén quixo recoñecer o labor do actual director, Pastor Rodríguez, pola intensa actividade cultural que desenvolve o museo e polo seu traballo na promoción de novos creadores a través dos cursos e iniciativas que impulsa.
“Este museo naceu do amor dun fillo pola súa nai e Javier Expósito tivo a xenerosidade de converter unha paixón persoal nun patrimonio colectivo. Grazas á súa sensibilidade e ao seu compromiso coa cultura, a parroquia de Artes conta hoxe cun museo que naceu para preservar, divulgar e crear gravados, converténdose nun referente internacional”, destacou Pérez Barral.
Barral engadiu que “o Mugart é un exemplo de como a iniciativa, a constancia e o amor pola cultura poden crear un proxecto de enorme valor para Ribeira e para o país. É un orgullo e un privilexio ter este museo en Artes pero cunha vocación de traballo e unha proxección internacional, contribuíndo ademais á dinamización cultural e á promoción de artistas e creadores”.
Desde o BNG trasladaron os seus mellores desexos para o futuro do museo e reiteraron o seu compromiso co apoio ás iniciativas culturais que enriquecen o patrimonio e a vida cultural do municipio.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.