Saturday 04 de July de 2026

Avanza o obradoiro de emprego Tahume XI


 En vindeiras datas comezarán coa parte práctica

O obradoiro de emprego Tahume XI, que comparten e impulsan en colaboración os concellos de Ribeira e

O Porto do Son, avanza dende a súa posta en marcha no pasado mes de xuño; período no que un total de 20 persoas xa comezaron a formarse.

Nestas primeiras semanas, o alumnado empezou o seu camiño de aprendizaxe nas especialidades de carpintería e forestal a través da impartición os primeiros módulos formativos. Ademais, completouse con éxito o módulo de educación ambiental e está case finalizada a formación en igualdade.

Actualmente, o grupo está focalizado na prevención de riscos laborais, a cal e fundamental para iniciar en vindeiras datas a parte práctica con tódalas garantías de seguridade.
“Trátase dunha boa oportunidade para aprender ao mesmo tempo que melloran as perspectivas de inserción no mundo laboral. É un obradoiro xa consolidado en ámbolos municipios que foi todo un éxito nas edicións previas. E, ademais de ter un forte impacto no alumnado, redunda positivamente no conxunto da sociedade ao facer as prácticas en mobiliario e espazos públicos”, segundo declara a concelleira ribeirense de Promoción Económica, Carmen Pérez.

Dinámica do obradoiro Este programa, que combina tanto formación teórica como práctica, ten o obxectivo de mellorar a empregabilidade das persoas dos dous concellos, onde o alumnado recibe formación no ámbito profesional de forestal e de produción de carpintería e moble.

Durante nove meses asisten ás especialidades de Aplicación de vernices e lacas en elementos de carpintería e moble; Actividades auxiliares en aproveitamentos forestais; Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes; e Traballos de carpintería e moble.

A maiores da formación específica de carpintería e forestal, o alumnado recibe formación en competencias dixitais, igualdade, medio ambiente, orientación laboral ou autoemprego, entre outras.

Este obradoiro conta co apoio da Consellería de Emprego Comercio e Emigración, que aporta unha achega de 546.552 euros para esta iniciativa de emprego.

Deja un comentario