Saturday 04 de July de 2026

A concellaría de Xuventude transforma as galerías entre Rosalía de Castro e a Rúa Nova de Abaixo nun “museo da arte urbana”


As galerías que comunican a avenida de Rosalía de Castro coa Rúa Nova de Abaixo transformaranse nun “museo da arte urbana” grazas á intervención impulsada desde a Concellaría de Xuventude na que participarán os artistas Møu, Xoana Almar, Miguel Peralta, Sekone, Sokram, Lidia Cao, Yoseba Muruzábal e Nove Noel. A concelleira María Rozas visitou hoxe o espazo e reivindicou “a capacidade transformadora do muralismo para poñer en valor espazos deteriorados ou pouco atractivos, pero tamén o seu poder emocional e identitario”.

A tenenta de alcaldesa visitou as galerías, onde xa comezaron os traballos, acompañada polos artistas Møu, Xoana Almar e Nove Noel; e polo presidente da comunidade de propietarios do edificio, Gustavo Roel. María Rozas lembrou que a Concellaría de Mocidade vén facendo unha importante aposta polo muralismo “porque estamos convencidas de que a arte urbana é unha valiosa ferramenta para poñer en valor espazos deteriorados ou pouco atractivos, pero tamén porque recoñecemos poder emocional e identitario destas obras”. Ademais, explicou, “o muralismo é un instrumento máis para que os mozos e mozas sintan o espazo público como seu, porque esta é unha linguaxe coa que se identifican”.

Intervención pioneira

María Rozas salientou que a intervención presentada hoxe “é pioneira, porque non actuamos nunha fachada ou nunha medianeira como é habitual, senón nun espazo interior que queremos que deixe de ser un lugar evitado pola veciñanza para ser un lugar visitado”. A actuación tamén será novidosa “pola participación conxunta de diferentes artistas, que terán espazos individuais para as súas respectivas obras, pero que tamén traballarán conxuntamente no espazo máis visible da galería, que dá á Rúa Nova de Abaixo”. A concelleira agradeceu a implicación de “artistas de altísimo nivel, que como administración temos a obriga de recoñecer e poñer en valor”.

Os artistas participantes tamén agradeceron a oportunidade de participar nun proxecto “que nos axuda a compartir experiencias entre muralistas”. Møu, Xoana Almar e Nove Noel invitaron á veciñanza á achegarse ás galerías durante o proceso de creación, que prevén concluir ao redor do próximo día 20 de xullo.

Máis de 200 metros cadrados de murais

Os e as artistas participantes nesta iniciativa actuarán sobre unha superficie de 220 metros cadrados, distribuidos en diferentes espazos ao longo das galerías. Cada unha delas fará unha obra independente, con liberdade creativa e respectando os seus estilos propios. Na entrada das galerías desde a Rúa Nova de Abaixo todos os artistas colaborarán nunha obra común.

Deja un comentario