Tal e como se anunciou a mediados de abril, o proxecto RedeXiana2 abriu esta semana o prazo para inscribirse nun curso para a obtención do carné de conducir C e o título de transporte por estrada de mercadorías, coñecido como CAP. Para apuntarse hai que pasar pola oficina de Igualdade do Concello o venres como moi tarde. O curso impartirase en Ferrol e consta de 320 horas de duración entre teórica e práctica.
A documentación e maila solicitude hai que cubrila coa axente de Igualdade do Concello, xa que é neste servizo onde teñen as fichas normalizadas de inscrición e tamén porque é a mellor maneira de axilizar o trámite. Iso si, hai varios requisitos obrigatorios:
Para participar nesta acción formativa hai que cumprir varios requisitos:
-Ser demandantes de emprego no Servicio Público de Emprego de Galicia.
-Ter feitos os 18 anos (con esa idade dirixirase a formación ao C1 e quen teña 21 si se preparará para o C)
-Posuír o certificado de escolaridade ou nivel básico de lecto-escritura e comprensión lectora.
-Reunir as aptitudes psicofísicas requiridas en relación coa clase de permiso C que permitan a superación do test psicotécnico.
-Estar en posesión do carné de clase B.
Terán prioridade as persoas que participasen ou estean participando nas accións específicas impartidas no marco do proxecto RedeXiana2, podendo, no caso de existir vacantes, facilitar a participación de persoas das fases iniciais de capacitación, pre-formación, formación transversal e complementaria desta iniciativa, ou en último lugar, persoas non beneficiarias do proxecto pero ás que a obtención deste permiso lles facilite o acceso ao mercado laboral.
Hai dispoñibles 18 prazas que poderán solicitar persoas empadroadas en calquera dos 26 concellos integrados na Rede Xiana2.Para o caso de persoas que xa participaran nalgunha acción formativa da RedeXiana2 só é preciso que actualicen a Tarxeta de Demandante de Emprego e o Informe de Vida Laboral. No caso de novas incorporacións ao proxecto, ademais da documentación anterior, tamén deberán achegar o DNI e a certificación dos estudos que posúan.
O permiso de condución C habilita para guiar vehículos cunha masa máxima autorizada que exceda os 3.500 kgs., mentres que o CAP é o acrónimo de Certificado de Aptitude Profesional que, neste caso, acredita a cualificación como condutor ou condutora profesional para o transporte de mercadorías en toda a Unión Europea. Hai máis información no departamento de Igualdade ou a través da web do proxecto.