A alcaldesa participou nunha das viaxes desta primeira xornada
O Concello de Ribeira pon en marcha hoxe o Servizo de Interese Municipal (SIMU) que conecta de maneira directa o centro urbano coa praia do Vilar despois de asinar o acordo coa Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia e a UTE XG-847.
A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, participou nunha das primeiras viaxes desta medida en materia de mobilidade xunto a mocidade, que foi a principal usuaria do servizo durante a xornada.
En palabras da rexedora, “potenciamos un dos nosos maiores recursos turísticos poñendo en marcha unha conexión directa de autobús durante o verán entre o centro da cidade e a praia do Vilar para o desfrute por parte de veciños, especialmente da xuventude, pero tamén dos visitantes desta paraxe con gran riqueza medioambiental. Pero tamén supón un paso adiante en mobilidade, pois somos conscientes do elevado volume de vehículos que se rexistra nas proximidades ao areal, polo que así animamos a evitar o uso dos turismos durante os meses de xullo e agosto para desprazarse en transporte público nos meses de xullo e agosto.”
Configurouse, así, un novo servizo de transporte público en tempada estival de carácter municipal dirixido, de forma específica, a atender a afluencia de demanda nos meses de verán.
Este acordo busca dar resposta a unha necesidade de mobilidade colectiva dentro do concello mellorando a oferta de servizos que presta o actual sistema de transporte público, ademais da vantaxe que suporá para a promoción turística de Ribeira un avance no traslado de viaxeiros por estrada e, en consecuencia, a diminución da conxestión viaria.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.