Thursday 02 de July de 2026

O PSdeG denuncia que Sanmartín mantén sen convocar as axudas ás asociacións veciñais e reclama un cambio de modelo


Marta Abal denuncia que as asociacións veciñais seguen sen coñecer as bases nin a convocatoria das axudas municipais de 2026, o que dificulta a planificación das súas actividades e xera unha incerteza innecesaria.

A concelleira socialista denuncia que o Goberno de Goretti Sanmartín non só acumula atrasos, senón que endureceu as bases das axudas e limita o traballo das entidades en lugar de apoialo.

Os socialistas reclaman un cambio de modelo para que as subvencións deixen de ser un obstáculo para as asociacións veciñais e se convertan nun verdadeiro apoio á súa actividade.

A concelleira do Grupo Municipal Socialista, Marta Abal, denunciou hoxe que o Goberno de Goretti Sanmartín chega ao mes de xullo sen aprobar as bases nin convocar as subvencións municipais destinadas ás asociacións veciñais, unha situación que, ao seu xuízo, evidencia a falta de planificación do executivo local e volve deixar ás entidades sen certezas sobre os recursos cos que van contar este ano. Os socialistas reclaman que a convocatoria se publique “canto antes” e propoñen un novo modelo de axudas máis flexible e adaptado á realidade do movemento veciñal.
“A día de hoxe, as asociacións veciñais seguen sen saber con que axudas van contar este ano”, advertiu Abal, quen lamentou que teñan que seguir organizando actividades, mantendo os seus locais e asumindo gastos “sen saber cando chegará a convocatoria nin en que condicións”. Esta forma de tramitar as subvencións “non facilita o traballo das asociacións veciñais nin favorece o asociacionismo”, indicou.
A concelleira socialista insistiu en que o problema vai máis alá do atraso. “Non estamos a falar só dun problema de atraso, senón tamén dun problema de modelo”, afirmou, advertindo de que desde o comezo do mandato “o modelo non só non mellorou, senón que empeorou”. Como exemplo, lembrou que o Goberno municipal reduciu o prazo de solicitude de “15 días hábiles” a “10 días hábiles” e eliminou a posibilidade de subvencionar material non funxible de pequeno importe, impedindo ás entidades adquirir elementos básicos como “radiadores” ou “cafeteiras” para o seu funcionamento.
Abal lembrou que o PSdeG xa propuxera durante a negociación dos orzamentos incrementar a dotación destas axudas e introducir cambios nas bases da convocatoria. Ante a falta de avances, Abal presenta agora un novo modelo que aposta por ampliar o período subvencionable ata o 31 de decembro e o prazo de xustificación ata o primeiro trimestre do ano seguinte, permitindo que as asociacións poidan desenvolver e xustificar a súa actividade durante todo o exercicio.
A proposta socialista inclúe tamén o pagamento anticipado das subvencións para facilitar liquidez ás entidades, a creación dunha liña específica para o mantemento das sedes sociais, a recuperación das axudas para material non funxible de pequeno importe, a ampliación do prazo de solicitude e unha importante simplificación da documentación administrativa. “Hai que simplificar moito tanto a documentación que se pide na fase de solicitude como na de xustificación”, sinalou Abal, porque iso “beneficia ás asociacións veciñais, pero tamén mellora a xestión municipal”.
A concelleira defendeu que estas medidas son “viables” e xa se aplican noutros concellos, polo que pediu ao Goberno municipal que abandone un modelo que, segundo advertiu, limita o traballo das entidades en lugar de apoialo. “Pedimos máis crédito, máis flexibilidade e mellor xestión”, concluíu, reclamando que as subvencións municipais sirvan realmente para fortalecer o tecido asociativo e facilitar o labor que as asociacións veciñais desenvolven nos barrios e nas parroquias de Santiago.

Deja un comentario