Thursday 02 de July de 2026

O Concello de Ribeira avalía o grao de execución do III Plan de Igualdade


 Executáronse un 64’9% das medidas contempladas

O Concello de Ribeira celebrou no 30 de xuño a Comisión de Igualdade composta polos representantes dos distintos departamentos municipais para constatar e debater os resultados da avaliación do grao de execución das medidas contempladas no III Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes, correspondente ao período de vixencia 2019- 2023.
“Este encontro de traballo permitiunos ver o nivel de desenvolvemento das actuacións previstas, identificar os avances acadados durante a súa execución, detectar aquelas medidas que non chegaron a implantarse ou que o fixeron de maneira parcial e extraer conclusións que permitan orientar a planificación das futuras políticas municipais de igualdade”, segundo puxo en valor a concelleira de Igualdade, Ana Barreiro.

O III Plan de Igualdade eríxese como a folla de ruta das políticas municipais de igualdade durante o período 2019-2023 prorrogado ata a actualidade. Para a súa avaliación, fíxose un repaso de maneira individualizada cada unha das medidas previstas nesta ferramenta en materia de igualdade, a cal se estrutura en 8 Áreas Estratéxicas, 8 Obxectivos Estratéxicos, 21 Obxectivos Operativos e 80 medidas. Segundo os datos extraídos en cifras, contémplase un 64’9% de medidas executadas (50), un 28’6% parcialmente executadas (22) e un 6’5% non executadas (5).

Durante a xuntanza, presentouse un borrador técnico de traballo que será sometido á revisión das distintas áreas municipais participantes, coa finalidade de incorporar as aclaracións, evidencias ou achegas que poidan completar a información recompilada antes da elaboración da versión definitiva do informe de avaliación do III Plan de Igualdade. A dita avaliación realizouse seguindo unha metodoloxía participativa e baseada na análise de evidencias, combinando diferentes fontes de información co fin de ofrecer unha valoración o máis obxectiva e rigorosa posible. Para iso empregáronse, entre outras, as seguintes técnicas e instrumentos:
 Revisión do III Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes do Concello de Ribeira.
 Análise das memorias anuais do Centro de Información ás Mulleres (CIM) e doutra documentación técnica elaborada polos distintos servizos municipais.
 Revisión de programas, campañas, proxectos e actuacións desenvolvidas durante o período de vixencia do Plan.
 Realización de entrevistas semiestruturadas co persoal técnico responsable das diferentes áreas municipais implicadas na execución das medidas.
 Contraste da información achegada polos distintos departamentos coas evidencias documentais dispoñibles.

En canto ás fortalezas ou logros acadados dentro das 8 Áreas

Estratéxicas destacan:
 Administración e coordinación institucional: Consolidouse a transversalidade da igualdade na maior parte das áreas municipais.
 Atención ás violencias de xénero: Consolidouse unha rede municipal de atención integral ás vítimas.
 Empoderamento e participación social das mulleres: Incrementouse a visibilización das mulleres e a colaboración co tecido asociativo.
 Educación en igualdade: Consolidouse unha programación continuada de actuacións educativas en igualdade e prevención das violencias machistas en colaboración cos centros educativos.
 Conciliación e corresponsabilidade: Mantívose unha ampla oferta de servizos de conciliación e apoio ás familias.
 Formación e emprego: Consolidouse unha ampla oferta de orientación laboral e formación, con elevada participación feminina.
 Benestar social: Desenvolvéronse actuacións continuadas de promoción da saúde, apoio ás persoas coidadoras e atención a mulleres en situación de vulnerabilidade.
 Cultura, deportes, turismo e lecer: A perspectiva de igualdade integrouse progresivamente na programación cultural, deportiva e turística.

Deja un comentario