Thursday 02 de July de 2026

O Concello de Carballo convoca, de novo coa colaboración do Colexio de Arquitectos, un concurso de proxectos para o deseño do novo edificio de equipamento cultural


O centro de música e artes escénicas, cofinanciado pola Unión Europea a través de fondos FEDER, contará cun investimento global que supera os 8,2 millóns de euros

Carballo dá un paso estratéxico para consolidar a súa posición como referente cultural da comarca e de Galicia coa convocatoria do concurso público de proxectos para a construción do novo edificio de equipamento cultural, que estará centrado fundamentalmente na música e nas artes escénicas. Seguindo o mesmo modelo que se utilizou para o deseño do edificio de entidades sociais, o Concello promoveu un intenso proceso participativo aberto a todo o movemento asociativo, e, ademáis, volvemos contar coa colaboración do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) para o concurso de ideas.

Este ambicioso proxecto enmárcase dentro do Plan de Actuación Integrado Carballo a man, seleccionado como beneficiario da senda financeira FEDER do período de programación 2021-2027.

A nova infraestrutura concíbese como un complexo de alta calidade arquitectónica, eficiente e perfectamente integrado na trama urbana en crecemento de Carballo, servindo de nexo estruturante entre as novas áreas residenciais e o núcleo consolidado. O deseño expón unha estratexia global distribuída en tres grandes módulos independentes e interconectados, o que permitirá unha total flexibilidade na súa execución e posta en servizo por fases:

• Módulo 1 – Auditorio: un grande espazo escénico principal dotado coas máximas garantías técnicas e acústicas, que constitúe o groso do proxecto.
• Módulo 2 – Espazo polivalente: unha área flexible orientada á diversificación de usos culturais e experimentación.
• Módulo 3 – Conservatorio de música: un equipamento educativo e formativo estable de referencia supracomarcal.
• Espazo exterior: a urbanización e acondicionamento da contorna do edificio.

Dúas fases para garantir a excelencia do deseño
O Concello optou polo procedemento de concurso de proxectos anónimo coa asistencia técnica do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG). O procedemento estruturarase en dúas fases consecutivas: na primeira, os/as profesionais presentarán as súas propostas conceptuais iniciais baixo lema de forma sinxela. O xurado seleccionará cinco propostas finalistas que pasarán á seguinte etapa. Na segunda fase (anteproxectos), os cinco seleccionados desenvolverán en detalle o seu deseño, optando de forma escalonada a unha contía total de 25.000
euros en premios (5.000 euros + IVE por cada finalista). A proposta que resulte gañadora do primeiro premio recibirá dita contía como entrega a conta e será adxudicataria do contrato de servizos para a redacción do proxecto básico e de execución e dirección de obra.

O Concello quere dar continuidade ao espírito participativo que caracteriza as súas intervención urbanas. Así, o prego administrativo recolle explicitamente que o equipo de arquitectura gañador do concurso terá a obriga de participar nunha xornada técnica de co-gobernanza xunto con representantes do tecido cultural e asociativo de Carballo. O obxectivo prioritario desta xornada será incorporar achegas directas dos colectivos destinarios do edificio para perfeccionar e axustar a súa funcionalidade interna e o programa de usos antes do inicio formal da redacción do proxecto técnico final.

As bases do concurso, cuxo valor estimado ascende a 404.864,16 euros, están publicadas e dispoñibles de xeito íntegro no Perfil do Contratante do Concello de Carballo. O prazo establecido para a presentación de propostas da primeira fase é de 30 días hábiles a contar desde mañá, 2 de xullo.

Deja un comentario