Thursday 02 de July de 2026

O alcalde trasladoulle á Dirección Xeral de Mobilidade as principais carencias do transporte colectivo


Tras a entrada en servizo de dúas paradas no polígono de Bértoa, o goberno local considera prioritarios os servizos de autobuses ás praias, a conexión coas universidades e o reforzo das expedicións á Coruña

A posta en marcha de dúas novas paradas de autobús no polígono industrial de Bértoa (rúa Volframio e rúa Cobre) dá resposta a unha vella demanda da comunidade empresarial e do Concello de Carballo. Desde o 25 de maio están operativos dez servizos diarios, de luns a venres, con cinco expedicións Carballo-A Coruña (paradas ás 08.37, 09.27, 12.27, 15.13 e 17.58 horas) e outras tantas no sentido inverso (08.49, 12.18, 14.34, 17.19 e 20.19 horas).

A directora territorial da Consellería de Presidencia vén de remitir ao Concello de Carballo a información correspondente a esas dúas novas paradas, coas que se pretende facilitar os desprazamentos ás persoas que traballan no polígono. “Con esta actuación _sinala_, a Xunta de Galicia dá resposta ás demandas trasladadas polo Concello de Carballo e pola cidadanía, reforzando a súa aposta polo transporte público como ferramenta de cohesión territorial, mellora da mobilidade sostible e apoio ao desenvolvemento das áreas empresariais en expansión”.

O goberno municipal manifestou a súa satisfacción por este cumprimento, que resolve unha reclamación do tecido produtivo local, e agarda que desde a Administración competente se sigan dando pasos para solucionar as carencias que ten o noso concello en materia de transporte colectivo. Nese sentido, o alcalde, Daniel Pérez, e o concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane, veñen de manter unha xuntanza coa directora xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia.

No encontro, celebrado en Santiago, alcalde e concelleiro trasladaron a urxencia de mellorar a planificación do transporte cara aos areais carballeses, dado que estamos en plena temporada de praia. O Concello agarda que a Xunta actúe con celeridade para corrixir a situación vivida o pasado verán, cando se suprimiu de xeito unilateral a parada de Razo sen previo aviso, e que poña fin á carencia de expedicións de volta durante as fins de semana, un desaxuste que deixa totalmente desamparados aos usuarios que acoden á praia ao mediodía. Pero tamén reclama transporte público para as outras dúas praias con bandeira azul, Baldaio-Saíñas e Pedra do Sal, actualmente illadas nese sentido.
Outro dos bloques capitais da reunión, e que o Concello urxe a solucionar de cara ao próximo curso, é a optimización das conexións coas universidades da Coruña e Santiago de Compostela. Co prezo dos alugueiros disparado en ambas as dúas cidades, a flexibilidade de horarios e o incremento de frecuencias son esenciais para que os estudantes carballeses poidan conciliar as súas clases sen verse obrigados a desprazarse en vehículos particulares.

Fronte a masificación sistemática que sofre a conexión Carballo-A Coruña, desde o goberno municipal reclamou que por parte da Xunta de Galicia, como administración competente, se adopten as medidas necesarias para garantir o servizo. Segundo as numerosas queixas que recibe a diario o Concello, os autobuses que proceden doutros puntos da Costa da Morte chegan á estación de Carballo coas prazas practicamente esgotadas, e o mesmo ocorre nas viaxes desde A Coruña, o que provoca que moitos usuarios queden en terra. Alcalde e concelleiro solicitaron o reforzo do servizo en horas punta para evitar esa situación.

Sendo o autobús o único medio de transporte público dispoñible no municipio para estas rutas, o goberno local agarda que a receptividade mostrada pola directora xeral na reunión se traduza en accións concretas a curto prazo, do mesmo xeito que se fixo en Bértoa.

O Goberno municipal reitera que o reforzo integral destas liñas demostrará que o transporte público en Galicia pode ser unha ferramenta eficaz de cohesión e mobilidade sostible, e mantense á expectativa de que a Xunta atenda as necesidades da poboación do noso concello.

Deja un comentario