• O Concello participou no acto de recoñecemento ás irmás da congregación
A comunidade educativa do Colexio A Milagrosa e a Asociación de Devotos da Medalla da Virxe da Milagrosa, coa colaboración do Concello de Ribeira, organizaron un acto de recoñecemento á congregación das Fillas da Caridade polos seus 107 anos de servizo ao conxunto da sociedade ribeirense e, en concreto, á parroquia de Oleiros; un legado que tomaron de Josefa Sobrido en 1919 cando cedeu o terreo e inmobles para destinalos á ensinanza das nenas da parroquia.
Esta homenaxe vén motivada pola decisión do Arcebispado de Santiago de Compostela e a Provincia España Norte das Fillas da Caridade de San Vicente de Paúl para o cambio de titularidade do Colexio A Milagrosa co obxectivo de que pase a integrarse na Fundación Ultreia.
Durante a xornada, a alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, referiuse á emotividade do día “polos seus 107 anos en Oleiros. 107 anos de servizo á comunidade, 107 anos de educación, 107 anos de implicación coa parroquia. Como di o refraneiro, “é de ben nacidos, ser agradecidos” e, precisamente por tal motivo, estamos aquí todos para amosarlle o noso máis profundo aprecio e recoñecemento ás irmás desta congregación. Para todos os que estamos aquí, vós sodes veciñas e guías. Estamos falando de xeracións de ribeirenses que foron educados neste colexio, non só no plano académico, tamén no persoal a través dos valores que fostes quen de inculcar.”
Neste senso, a rexedora tivo palabras de recoñecemento para a Fundación Ultreia que agora asume o testemuño: “agora ábrese un novo sendeiro para este centro que auguro que será todo un éxito e que, para tranquilidade do profesorado e familias, garante a continuidade do proxecto educativo, pastoral e social. E iso tamén é unha tranquilidade para nós como representantes do Concello de Ribeira, porque sabemos que os nenos e nenas poderán seguir neste colexio, en boas mans, e que se preserva a identidade e o proxecto marcado.” Así, o Concello de Ribeira fixo entrega dunha figura como mostra de agradecemento Fillas da Caridade, nomeadamente, a sor Agustina Cerezal, sor Alicia Rodríguez, sor Carmen Puga, sor Carmen Bugallo, sor Rosa Cabo e sor Rosa María Quian.
En palabras similares tamén se expresou Herminia Pouso, en calidade de concelleira de Oleiros e persoa vencellada a esta comunidade educativa. Pouso declarou que foron moitas as xeracións que se formaron nestas aulas, ata catro xeracións. De feito, no seu caso, foron tres: súa nai, ela mesma e seus fillos son ex-alumnos do colexio. Quixo destacar o acompañamento das relixiosas non só no plano académico, senón que tamén no persoal.
Primeiramente, o acto desenvolveuse no recinto da instalación educativa con intervencións, proxección de vídeo, interpretación de varias pezas musicais e descubrimento dunha placa de granito elaborada por Juan Ramón Pego. Oficiouse tamén unha misa presidida polo Arcebispo de Santiago de Compostela, Francisco José Prieto, cos sacerdotes don Alfonso, don José Ignacio, don Silvestre e don Juan Manuel, así como o diácono e xerente da Fundación Ultreia, don José Ramón Amor.
Os asistentes desprazáronse deseguido á igrexa parroquial en procesión coa Milagrosa doada polas Fillas da Caridade e que, ata o de agora, permanecía no oratorio da súa casa. Alí efectuouse, así mesmo, o descubrimento da escultura en granito, da autoría de José Caamaño, na honra das relixiosas consistente no reverso da medalla da Milagrosa coa palabra “Gracias”, e mañá depositarase un arranxo floral no panteón onde descansan os restos das irmás falecidas.
Finalmente, celebrouse unha cea de confraternidade para lembrar experiencias e xerar novos recordos.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.