A corporación municipal aprobou no pleno ordinario do 29 de xuño, por unanimidade, o convenio de colaboración coa Fundación Amancio Ortega que fará posible a construción e o equipamento do futuro edificio de entidades sociais do Concello de Carballo e da Costa da Morte, un proxecto chamado a converterse nun referente en Galicia pola súa dimensión, polos servizos que ofrecerá e polo modelo de colaboración entre administración, entidades sociais e iniciativa privada.
A corporación municipal apoiou sen fisuras un acordo histórico que permitirá materializar un proxecto estratéxico para o municipio grazas a unha achega de 7,8 millóns de euros por parte da Fundación Amancio Ortega Gaona.
O alcalde, Daniel Pérez, agradeceu o apoio unánime dos tres grupos políticos, destacando que “cando hai proxectos importantes para Carballo todos debemos remar na mesma dirección”. Así mesmo, quixo facer extensivo o recoñecemento ao conxunto da veciñanza e, especialmente, ás entidades sociais. “Hoxe damos un paso de xigante para cumprir o obxectivo final da política: mellorar a vida dos nosos veciños e veciñas”, manifestou.
O rexedor tamén trasladou o agradecemento á Fundación Amancio Ortega pola confianza depositada en Carballo e polo trato recibido durante todo o proceso de análise do proxecto. Segundo explicou, o edificio de entidades sociais forma parte da estratexia de futuro definida no Plan Estratéxico Carballo 2030 e nace dun intenso proceso de diálogo co tecido asociativo para dar resposta ás necesidades reais das entidades e das persoas usuarias.
A colaboración da Fundación permitiu dar un salto cualitativo ao proxecto inicialmente deseñado polo Concello. A proposta presentada, cun investimento previsto duns 4,5 millóns de euros, evolucionou ata converterse nun equipamento de 7,8 millóns que situará Carballo na vangarda da atención social e dos coidados.
O novo edificio reunirá nun mesmo espazo un centro de día para persoas con alzhéimer e outras demencias, as instalacións da Cruz Vermella, o Centro de Información á Muller e diferentes entidades sociais que desenvolverán a súa actividade compartindo espazos e recursos. O obxectivo é favorecer o traballo coordinado, crear sinerxías entre organizacións e ofrecer unha atención máis completa, eficiente e próxima ás persoas. A concelleira de Servizos Sociais, Maica Ures, destacou que este centro será “o corazón do voluntariado e da xustiza social en Carballo”, un espazo pensado para mellorar a conciliación familiar e a calidade de vida de toda a comarca de Bergantiños.
O carácter estratéxico do proxecto propiciou o respaldo unánime de toda a corporación. Dende o grupo municipal do PSOE, Mari Carmen Vila amousou unha “fonda satisfacción” por ver materializado un espazo estable para un proxecto que levaban defendendo moitos anos, agardando que se converta pronto nunha realidade visible.
Pola súa banda, o portavoz do PP, Rubén Lorenzo, cualificou o convenio como “unha das mellores noticias que recibiu Carballo nos últimos anos”, garantindo a total colaboración do seu grupo para remar a favor do proxecto e cumprir cos compromisos municipais.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.