Tuesday 30 de June de 2026

O Concello de Carballo únese á Asociación Contra o Cancro nunha campaña estival que premia as compras no mercado municipal e promove o coidado da pel


O alcalde, representantes da xunta local e os concelleiros das áreas implicadas presentaron hoxe a iniciativa, que arrinca o 2 de xullo cunha charla informativa

O alcalde de Carballo, Daniel Pérez; o concelleiro de Feiras e Mercados, Ramón Varela, e a concelleira de Sanidade, Maica Ures, acompañaron hoxe á xunta local da Asociación Española contra o Cancro na presentación oficial da campaña de prevención do cancro de pel que se desenvolverá durante todo o mes de xullo. Co lema A túa pel ten memoria, protéxea cada día, con esta iniciativa preténdese concienciar á poboación sobre os riscos do sol e, ao mesmo tempo, dinamizar as compras no mercado municipal a través de incentivos directos.
“O verán é unha época crítica para a nosa pel. Con esta campaña queremos que a veciñanza entenda que a prevención non é algo opcional; a pel ten memoria e os excesos de hoxe podemos pagalos mañá. Ter o altofalante do mercado municipal e o apoio do Concello axúdanos a levar esta mensaxe vital directamente ao día a día das familias carballesas”, sinalou Carmen Eiroa Lorenzo, tesoureira da xunta local da Asociación contra o Cancro.
A campaña articúlase en dúas grandes fases. A primeira terá lugar este xoves, 2 de xullo, ás 19:00 horas, cunha charla informativa na sala Cervantes do mercado municipal impartida pola técnica de prevención Iria Villar. A segunda fase comezará o 15 de xullo co reparto de boletos tipo “rasca” por compras superiores a 15 euros no mercado, con premios directos como gorras, cometas, frisbis, balóns e bolsas.
“O mercado, ademais do corazón do comercio local, é un espazo de confianza e de vida. Por iso decidimos vincular as compras de produto fresco, que é sinónimo de calidade e saúde, cunha campaña que premia á clientela con artigos pensados para un verán seguro e saudable”, indicou Ramón Varela.
A concelleira de Sanidade puxo o foco na prevención primaria, “que é -dixo- a ferramenta máis eficaz na loita contra o cancro. Non se trata de non gozar do sol, senón de facelo con cabeza: respectando as horas críticas, usando fotoprotección e vixiando as manchas. Abordar a saúde dende a proximidade e en espazos públicos coma o mercado permítenos facer unha pedagoxía moito máis humana e efectiva”.
“Para o Concello de Carballo é un orgullo camiñar da man dunha entidade tan necesaria como a Asociación contra o Cancro”, manifestou o alcalde. ”Protexer a saúde pública é un deber de todos, e facelo apoiando de xeito directo aos nosos produtores e praceiros demostra que a colaboración social e o desenvolvemento local poden e deben ir xuntos. Convidamos a todo o mundo a participar na charla do día 2 e a mercar no noso mercado”, rematou Daniel Pérez.
Mañá mesmo empezará o reparto de material informativo, que inclúe folletos, fichas infantís, carteis…, para asegurar que a mensaxe de prevención chegue a todos os fogares.

Deja un comentario