O voceiro socialista, Gumersindo Guinarte, reclama que o Concello informe con transparencia sobre o estado das obras e as responsabilidades da empresa adxudicataria.
Os socialistas advirten de que Guadalupe acumula problemas de mobilidade, accesibilidade, seguridade viaria e abastecemento de auga sen que o Goberno municipal dea resposta.
O voceiro do Grupo Municipal Socialista, Gumersindo Guinarte, denunciou o estado de abandono que sofre o barrio de Guadalupe e reclamou ao Goberno de Goretti Sanmartín que actúe dunha vez para resolver as principais demandas da veciñanza, entre elas o desbloqueo das obras da rúa García Lorca, paralizadas desde hai máis de medio ano, e a execución das actuacións pendentes en materia de mobilidade e servizos básicos.
Guinarte explicou que estas demandas foron trasladadas recentemente aos socialistas durante unha reunión coa asociación de veciños do barrio. Segundo indicou, “un dos asuntos que máis preocupa é a situación das obras da rúa García Lorca”, unha actuación que leva “máis de medio ano paralizada” e que está a provocar importantes problemas de accesibilidade e mobilidade.
O voceiro socialista advertiu de que a falta de información está a incrementar a preocupación veciñal. Aínda que a última previsión do Goberno municipal sitúa a reanudación dos traballos no mes de setembro, lembrou que “despois de tantas promesas incumpridas”, a veciñanza teme que a obra quede paralizada “sine die”. Por iso, reclamou ao executivo local que informe con transparencia sobre o estado real da actuación e “esixa as responsabilidades precisas á empresa contratista”.
Guinarte subliñou que os problemas de Guadalupe non rematan en García Lorca. Así, explicou que no Camiño dos Vilares a veciñanza reclama desde hai tempo a construción de beirarrúas que permitan desprazarse con seguridade. “Estamos falando dunha demanda básica”, sinalou, para garantir a mobilidade peonil nunha zona pola que transitan diariamente numerosas persoas.
Ademais, puxo o foco na situación da rúa Blanco Amor, onde existe unha importante preocupación polo estado da rede de abastecemento de auga. O socialista lembrou que o pasado verán os rebentóns da condución deixaron durante horas sen subministro a numerosas vivendas e mesmo provocaron danos en electrodomésticos. “A veciñanza teme que volva repetirse a mesma situación este verán”, advertiu.
Para as e os socialistas, estes problemas evidencian “a falta de mantemento e de planificación” do Goberno de Goretti Sanmartín nos barrios da cidade. Guinarte insistiu en que Guadalupe “non pode seguir esperando” mentres se acumulan actuacións pendentes e reclamou unha resposta inmediata ás demandas trasladadas pola veciñanza.
“O Goberno municipal ten que escoitar á veciñanza de Guadalupe, actuar con transparencia e dar solucións”, concluíu Guinarte, porque “os barrios non poden seguir sendo os grandes esquecidos da acción de goberno”.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.