Tuesday 30 de June de 2026

O Concello de Ribeira aproba definitivamente o proxecto da nova bancada do campo de fútbol de Carreira


 O goberno municipal comprométese a crear unha partida orzamentaria para a primeira fase da pavimentación da avenida de Ferrol

A Corporación municipal de Ribeira celebrou na tarde do luns 29 o Pleno ordinario correspondente ao mes de xuño de 2026 no que saíu adiante por unanimidade a corrección das deficiencias do proxecto de construción da nova bancada no campo de fútbol de Carreira por un total de 260.000 euros dentro do POS+2025 da Deputación da Coruña. A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, manifestou que a Administración local recibiu en maio do 2025 un requirimento por parte do ente provincial no que solicitaba un estudo xeotécnico, se ben “o estudo non se fixo nese momento, cando estaba o anterior goberno, e foi contratado polo actual executivo a finais de novembro e executado neste ano.”

Os resultados reflexaron que o terreo onde se contemplaba a nova bancada “non era apto tal e como estaba feito o proxecto”, razón pola cal o persoal técnico municipal fixo modificacións nesa futura actuación, entre elas, a construción duns tanques formigón ciclópeo.
“Trasladamos á directiva do Club de Fútbol de Carreira a situación real, subsanamos o proxecto e enviámolo novamente á Deputación da Coruña. Agora damos un paso máis para a materialización desta infraestrutura traendo a Pleno a modificación para, unha vez recibamos a resposta do ente provincial conforme todo está correcto e completo, sacalo a licitación coa maior celeridade posible, pois é unha prioridade para este goberno poñer solución a algo que leva enquistado tanto tempo. Estamos falando de seguridade, non só de mellora das prestacións á cidadanía. Ademais, este proxecto estivo sempre supeditado a que se realizase ese estudo xeotécnico requirido pola Deputación”, manifestou Sampedro.

Para a rexedora, a aprobación deste punto é unha boa nova para o conxunto de Carreira, especialmente, ao celebrarse neste ano o 50º aniversario do club.

Así mesmo, unha vez resoltas as alegacións presentadas durante o trámite de información ao público, procedeuse coa aprobación definitiva da modificación da Relación de Postos de Traballo para a adaptación do nivel mínimo A1/A2 ao Real Decreto-Lei 6/2023 e supresión dos postos da Unidade de Condutas Aditivas ao ser asumida xa polo Sergas, así como o axuste do anexo de persoal do orzamento de 2025, prorrogado a 2026; punto que xa se debatera no Pleno ordinario do mes de abril. Dita medida tivo luz verde co apoio unánime da Corporación.

No que respecta a atención ás parroquias, tamén se abordaron as proposicións sobre aparcamento disuasorio en Palmeira, ademais da creación de baños públicos nos parques infantís do termo municipal; ambas presentadas polo grupo non adscrito. Con relación ao estacionamento, saíu adiante a emenda de substitución na que o goberno municipal se compromete a traballar nas negociacións de busca para dotar de aparcamentos disuasorios á referida parroquia, do mesmo xeito que outras nas que sexa preciso. De feito, xa se están ultimando as negociacións de alugueiro de fincas na parte alta de Palmeira, en Fonteseca (Castiñeiras) ou no Prado (Corrubedo), entre outros lugares. Por outra banda, foi denegado o punto dos baños públicos ao contar só co respaldo de 8 votos a favor (BNG, PSdeG-PSOE e 2 non adscritos) e 13 en contra (PP e PBBI), pois o executivo local considera que se poden dar situacións nas que estes espazos poden estrar “impracticables” ao non poder dispoñer dunha limpeza constante. Lembraron tamén que a cidade dispón de aseos autolimpiables en zonas concorridas do núcleo urbano.

En materia de pavimentación, o BNG levou o asfaltado da avenida de Ferrol, punto no que o goberno municipal presentou unha emenda de substitución que recolle que se proceda en canto se aprobe a fórmula orzamentaria que permita financiar dita actuación, ben sexa de maneira integral ou por fases “á vista do coñecemento que ten o goberno anterior do que supón economicamente pavimentar esa infraestrutura”, ademais de, en canto se poida, implantar medidas reais de calmado de tráfico e seguridade viaria en dita vía “ante as insuficientes e escasas medidas de calmado de tráfico adoptadas polo BNG.” Esta emenda aprobouse con 13 votos a favor (PP e PBBI) e 8 en contra (BNG, PSdeG-PSOE e 2 non adscritos).

Pola súa parte, o PSdeG-PSOE fixo o propio sobre a adecuación da rúa de Correos. A emenda de substitución do equipo de Sampedro centrouse en que, en función de como se resolva a situación da propiedade privada que está situada nesa rúa, proceder a actuar na mesma, esixindo o que estipulen as condicións de licenza. En todo caso, esixiranse que se adopten as condicións de seguridade, limpeza e salubridade, así como se fai no resto de propiedades. E, cando se realice a obra, realizarase a adecuación de dita rúa. A emenda saíu adiante por unanimidade.

Outro dos asuntos que se puxo sobre a mesa por parte do BNG foi a determinación do Entroido e a Dorna como festivos locais. Ante isto, o goberno municipal presentou unha emenda de substitución aprobada por unanimidade na que se acorda que o executivo
proporá, unha vez que a Administración competente o solicite, o martes de Entroido e o día da Dorna coma festivos locais para o 2027. En consecuencia, cando a Xunta de Galicia determine os festivos autonómicos e remita aos concellos a petición dos festivos locais, a Alcaldía de Ribeira levará ao Pleno correspondente esas dúas festividades.

Sobre a necesidade de mantemento do centro social de Oleiros versou a proposta que fixo o PSdeG-PSOE, sobre a que o goberno municipal presentou tamén unha emenda de substitución aprobada por unanimidade e encamiñada a que se reitera o seu compromiso coa reparación facendo as xestións oportunas dende o punto de vista orzamentario.

Deja un comentario