Tuesday 30 de June de 2026

Alternativa dos Veciños denuncia que os requisitos da Xunta para os propietarios de Monte Mero favorecen a especulación e ameazan a pequena propiedade


Os veciños que non estean ben asesorados por profesionais competentes poden despedirse das súas propiedades

Alternativa dos Veciños denuncia a gravidade dos requisitos que a Xunta de Galicia esixirá para os propietarios afectados polo desenvolvemento do Plan de Interese Autonómico (PIA) situado na entrada da Coruña, un ámbito de máis de 1,4 millóns de metros cadrados.

Neste terreos conviven grandes promotores con máis de 130 pequenos propietarios, moitos deles con vivendas e fincas familiares. Porén, a Xunta impón unhas condicións que, na práctica, resultan inasumibles para a maioría destes veciños.

Entre os requisitos establecidos, os propietarios deberán acreditar que os seus terreos están libres de cargas, gravames e dereitos reais que poidan dificultar o desenvolvemento do PIA. Ademais, obrígaselles a presentar avais económicos antes mesmo de poder subscribir un posible convenio urbanístico, cando o procedemento habitual é que estas garantías se constitúan unha vez formalizados os convenios e iniciadas as obras.

A maiores, aqueles propietarios con menor superficie deberán constituír previamente unha sociedade mercantil, unha cooperativa ou unha unión temporal de empresas (UTE) para poder participar no proceso, asumindo uns custos administrativos e económicos que, en numerosos casos, superarán o propio valor dos terreos.

Tamén se lles esixe depositar novas garantías para facer fronte aos futuros gastos de urbanización e cumprir estritamente cos prazos de execución das obras e de solicitude das licenzas correspondentes, sen marxe algunha para afrontar dificultades sobrevidas.

Alternativa dos Veciños advirte de que o incumprimento destas obrigas poderá derivar na expropiación das parcelas polo sistema de xustiprezo, o que suporía que moitos pequenos propietarios acaben perdendo as súas propiedades valoradas como solo rústico, moi por debaixo do seu valor real.

Os PIA da Xunta convertéronse “nunha sofisticada fórmula de especulación” que non respecta o espírito da lexislación urbanística e facilita a intervención sobre a propiedade privada mediante condicións económicas e administrativas practicamente imposibles de asumir polos pequenos propietarios.
Resulta especialmente inxusto que máis de 130 familias teñan que afrontar gastos en avais, constitución de sociedades e trámites burocráticos que, nalgúns casos, superarán o valor das súas parcelas.

A política pública de vivenda non pode financiarse a costa dos propietarios dos terreos. Se a Xunta precisa solo para desenvolver vivenda protexida, debe adquirilo mediante recursos públicos e pagar un prezo xusto, acorde co mercado, e non recorrer a valoracións moi inferiores ás existentes en concellos como Oleiros.

Alternativa dos Veciños reclama á Xunta de Galicia que rectifique estes criterios, elimine as esixencias desproporcionadas impostas aos pequenos propietarios e garanta un desenvolvemento urbanístico baseado no respecto aos dereitos da cidadanía e á propiedade privada.

Deja un comentario