Tuesday 30 de June de 2026

O pleno aproba Dorna e Entroido festivos 2027, aínda que PP e PBBI eliminan a súa permanencia


A proposta nacionalista foi aprobada por unanimidade porén PP e PBBI vetan o carácter permanente da iniciativa

Ribeira recuperará no ano 2027 como festivos locais o Martes de Entroido e o 24 de xullo, Día da Festa da Dorna logo de aprobarse por unanimidade a proposta formulada polo BNG. A iniciativa, presentada polo portavoz Luís Pérez Barral, propoñía que ambas datas quedasen fixadas con carácter permanente pero a negativa do PP e PBBI impediu darlle esa permanencia e limitar o acordo ao calendario ao 2027.

Para o exalcalde e portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, “o acordo supón un paso adiante porque garante que en 2027 o Martes de Entroido e o Día da Dorna serán festivos locais en Ribeira. A partir de aí, o noso obxectivo e o dunha maioría de veciños e veciñas segue sendo claro: consolidar estes festivos con carácter permanente que eviten andar a bandazos”.

Durante a súa intervención no Pleno, Pérez Barral evocou o pensamento de Castelao para lembrar que “a cultura é a afirmación da nosa personalidade”, sinalando que a Festa da Dorna, declarada de Interese Turístico, xera un impacto económico moi importante e representa un dos maiores símbolos da identidade ribeirense, mentres que o Martes de Entroido foi durante décadas unha das datas máis consolidadas do calendario local ata que foi eliminado polo Partido Popular e permite dinamizar a hostalaría nunha época frouxa. A proposta tamén establece un modelo que permite potenciar tamén as festas patronais de Santa Uxía, concentrando a programación lúdica na segunda fin de semana de setembro para favorecer unha maior participación e maximizar o investimento público que realiza o Concello de Ribeira para a celebración desta festividade. Todo isto facilitaría que a veciñanza puidese participar das actividades que se organizan en cada evento.

O BNG contrapuxo a coherencia da súa posición ás continuas mudanzas de criterio do PP e do PBBI respecto dos festivos locais. Barral lembrou que o goberno municipal foi alternando os festivos segundo os anos, chegando a defender posicións totalmente contraditorias. “En 2021 PP e PPBI negáronse a declarar festivo o Día da Dorna porque o 24 de xullo cadraba en sábado; porén, para 2027, a data volve cadrar en sábado pero nesta ocasión si votaron a favor. A única diferenza é que en 2027 hai eleccións municipais. Non se pode xogar con Ribeira nin cos seus festexos por puro interese electoral”, afirmou.

Pérez Barral sinalou que “o BNG sempre defendeu o mesmo, independentemente do calendario electoral: estabilidade, planificación e protección para o Entroido e para a Dorna. As familias, o comercio e a hostalaría merecen certezas e non decisións que cambian segundo a conveniencia política do goberno”.

Aínda que o acordo aprobado non incorpora o carácter permanente que defendía o BNG, a formación considera que o resultado supón unha vitoria social e política. “Hoxe o pobo de Ribeira gaña a batalla de 2027, pero isto non remata aquí. O noso compromiso é seguir traballando para que o Martes de Entroido e o Día da Dorna queden blindados de maneira permanente. A identidade de Ribeira non pode depender dos cambios de criterio dun goberno nin das maiorías de cada mandato”, afirmou Pérez Barral.

O BNG agradeceu o apoio social recibido nos últimas días arredor desta reivindicación e comprometeuse a continuar traballando en diálogo coa sociedade e en positivo con iniciativas que reforcen a identidade de Ribeira, impulsen a economía local e dean estabilidade á veciñanza.

Deja un comentario