Sunday 28 de June de 2026

O PP recolle a voz dos mozos de Culleredo e anímaos a implicarse para construír un concello con máis oportunidades


• Reclaman máis apoio para emanciparse, mellores conexións de transporte público, alternativas de lecer, instalacións deportivas en condicións, axudas a asociacións xuvenís e espazos reais de participación

• Izaskun García: “Non sexades indiferentes. A política municipal decide moitas cousas da vosa vida e Culleredo tamén ten que construírse coas vosas ideas”

O PP de Culleredo celebrou onte venres na cervexería Saoko o encontro aberto con mozos “Tomamos algo e falamos?”, unha cita que reuniu a preto de medio centenar de mozos e mozas do municipio e permitiu recoller as súas propostas, inquietudes e queixas sobre o presente e o futuro do concello.
O encontro contou coa participación da portavoz do PP de Culleredo, Izaskun García, e da directora xeral de Xuventude da Xunta de Galicia, Lara Meneses, e desenvolveuse nun formato informal, afastado dos actos políticos tradicionais, co obxectivo de escoitar de primeira man as súas ideas para mellorar Culleredo. Así, durante a conversación, os mozos trasladaron demandas relacionadas co acceso á vivenda, a mellora do transporte público, as oportunidades de emprego, a falta de alternativas de lecer, a necesidade de máis espazos para reunirse e de instalacións deportivas en condicións e a importancia de contar con apoios para crear asociacións e proxectos impulsados pola xente nova.
Izaskun García destacou que a política municipal “non é algo afastado ou abstracto”, senón que inflúe directamente na vida diaria dos mozos. “É a que decide se o teu pavillón deportivo funciona ben, se hai unha piscina municipal, se existen actividades culturais, se se coidan os espazos públicos, se hai axudas para asociacións xuvenís ou se un mozo atopa oportunidades para desenvolver aquí o seu proxecto de vida”, sinalou. “Non sexades indiferentes. Culleredo tamén ten que construírse coa vosa voz e as vosas ideas. Se non participades, outros decidirán por vós como ides vivir”, engadiu.
A portavoz popular animou por iso aos asistentes para implicarse máis na vida social do Culleredo, crear asociacións, participar en entidades culturais ou veciñais, reivindicar cando algo non funcione e achegar ideas para mellorar Culleredo. “Queixarse está ben, pero dar un paso para intentar cambiar as cousas está moito mellor. Non fai falta militar nun partido para participar. Fai falta ter inquietudes, preguntar, propoñer e esixir”, afirmou.
Pola súa banda, Lara Meneses explicou distintas liñas de apoio impulsadas desde a Xunta dirixidas aos mozos, especialmente en ámbitos como o transporte, a vivenda, o emprego e o lecer. Entre elas, citou programas como Xuventude Mentoring e Fórmate na Empresa, orientados a mellorar a empregabilidade e facilitar primeiras experiencias laborais; o Bono Emancípate, para apoiar os gastos vinculados á primeira vivenda; as axudas para obter o permiso de conducir; o certame Xuventude Crea, para impulsar o talento artístico novo; e o Carné Xove, con descontos e vantaxes en transporte, cultura, lecer e comercios. Meneses escoitou e tomou nota tamén as propostas trasladadas durante o encontro.
O PP de Culleredo enmarca esta iniciativa como o primeiro dunha serie de encontros con mozos do concello, co obxectivo de incorporar as súas achegas ao traballo político do grupo municipal e seguir abrindo espazos de escoita e participación. “Os mozos non son espectadores do futuro de Culleredo. Son presente. Teñen voz, teñen ideas e teñen moito máis que achegar do que ás veces eles mesmos cren. Se queremos un Culleredo con máis oportunidades, temos que contar con eles”, asegurou Izaskun García.

Deja un comentario