Os/as veciños/as que desexen participar na actividade deberán preinscribirse antes do vindeiro 27 de maio no Departamento de Cultura e Deportes
A Concellería de Medio Ambiente de Fene convida á veciñanza a participar nunha visita guiada a Pontevedra, concello cuxas políticas medioambientais e de peonalización do casco histórico acadaron numerosos recoñecementos e son un referente a nivel mundial. A excursión, prevista para o domingo 5 de xuño, encádrase na conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente. A saída está prevista ás 9.00 horas da Praza do Concello e o regreso (de Pontevedra cara á Praza do Concello de Fene) ás 19.00 horas.
A actividade vai dirixida a persoas de 6 anos en diante (os/as menores de idade terán que ir acompañados/as por unha persoa adulta) e número de prazas é limitado (60 prazas), cubríndose éstas por rigorosa orde de inscrición.
As persoas que desexen participar na visita guiada a Pontevedra deberán formalizar e entregar a ficha de preinscrición no Departamento de Cultura e Deportes do Concello de Fene (Avda. Naturais de Fene, entresollado) ou enviala por correo electrónico (cultura.deportes@fene.gal) antes do vindeiro 27 de maio ás 14.00 horas. O custe da actividade ascende a 20,95 €/persoa (no prezo non se inclúen os custes do xantar).
As persoas participantes poderán optar por levar o xantar, xantar pola súa conta ou facelo nun restaurante concertado ao prezo de 20 €/persoa que se lle aboarán directamente aos guías o mesmo día da actividade.
Unha vez confirmada a preinscrición e a realización da actividade (que só se levará a cabo se se cubren o 50% das prazas ofertadas) as persoas admitidas deberán aboar a cota de inscrición (20,95 €/persoa) na conta do Concello de Fene en A Banca, IBAN ES83 2080 0209 5931 1000 0012 e entregar o resgardo do pagamento no Departamento de Cultura e Deportes (con anterioridade ás 14:00 h. do 31 de maio). O ingreso das cotas deberá facerse de xeito individual (un por persoa) e a nome da persoa que vaia participar na actividade. O feito de non aboar a cota de inscrición implica non poder participar na actividade.
Segundo informa a concelleira de Medio Ambiente, Mariela Aguilar, a visita guiada a Pontevedra incluirá un percorrido polo Museo Provincial de Pontevedra onde, con motivo da conmemoración do “Ano Castelao” se amosa a exposición “Castelo artista, os fundamentos do seu estilo 1905-1920”, así como outras mostras permanentes. Ademais, os participantes percorrerán o casco histórico de Pontevedra, declarado Conxunto Histórico-Artístico en 1951 e un dos mellores conservados de Galicia.
Logo de xantar, a visita continuará pola ribeiras do Lérez e a Illa do Cobo, zona declarada Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) e Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN) pola importancia ecolóxica da variada biodiversidade que alberga. E, xa para rematar, visitaranse os espazos arqueolóxicos da Ponte do Burgo, do campiño de Santa María e a basílica da Alameda.
A Concellería de Medio Ambiente editou uns trípticos con toda a información sobre a visita guiada a Pontevedra, incluídas algunhas recomendacións para as persoas que, finalmente, participen: non separarse nunca do grupo para non perderse, respectar as normas que indiquen os guías e atender as súas instrucións e explicacións; estar atentos/as ás condicións climáticas para levar roupa cómoda e calzado axeitado (sempre calzado baixo, cómodo para camiñar e cun firme apropiado para evitar esvarar); levar paos de apoio ou bastóns de camiñar para a rota polas ribeiras do Lérez; levar auga para hidratarse e algo para picar polo camiño (froita, froitos secos…); e, se vai bo día, antes de saír, botar crema protectora e levar gorra.
DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE
Co obxectivo de motivar ás persoas para que se convertan en axentes activos do desenvolvemento sustentable e equitativo; promover o papel fundamental das comunidades no cambio de actitude cara a temas ambientais, e fomentar a cooperación para que o medio ambiente sexa sustentable, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas, na súa resolución 2994 (XXVII) do 15 de decembro de 1972, designou o 5 de xuño Día Mundial do Medio Ambiente, para sensibilizar á opinión pública respecto da necesidade de preservar e mellorar o medio ambiente.