Saturday 27 de June de 2026

O Concello de Ribeira lanza unha programación ambiciosa para as festas do verán


 Café Quijano, Fillas de Cassandra, Ribeira Urban Fest con Lg1do e orquestras de renome son os cabezas de cartel

O Concello de Ribeira presenta unha programación que a alcaldesa, María Sampedro, cualificou como “ambiciosa” ao contar con recoñecidos artistas e orquestras do panorama autonómico e nacional. Na compaña do concelleiro de Festexos, Fernando Abraldes, e do presidente da comisión de festas, José Alonso, a rexedora manifestou que é un cartel “feito con moito cariño, ilusión e ganas que será un reclamo turístico, cultural e musical.”

Pola súa parte, o edil agradeceu a implicación da cidadanía e dos negocios para sacar este programa adiante, así como o traballo de todo o equipo da comisión de festas.

Axenda completa

O programa arrancará no mércores, 29 de xullo, co Día dedicado ao Tecido Social e a Cidadanía, no que se ofrecerá o pregón, ás 21.30
horas, dende a praza do Concello, a cargo dunha persoa do municipio que se anunciará en vindeiras datas. A orquestra Panorama será a encargada de abrir musicalmente esta primeira xornada de celebracións, ás 23.00 horas, na explanada da lonxa vella. Durante a mañá haberá ruada cun grupo de música tradicional, ás 10.00 horas; campionato de xadrez na Casa da Xuventude, ás 11.00 horas; espectáculo familiar Cabicivai, de Pablísimo, ás 12.00 horas, na praza de Porta do Sol; e exhibición de taekwondo co Natural Sport, ás 20.30 horas, na praza do Concello.

A protagonista do xoves, 30 de xullo, será a orquestra París de Noia no Día dedicado á Emigración. A verbena será ás 23.00 horas, no  Malecón. Nesa mesma xornada contarase novamente con ruada, ás  10.00 horas; o concerto familiar Brinca vai, de Paco Nogueiras, ás 12.00 horas, na praza de Porta do Sol; e a inauguración da exposición de escultura Mulleres, de Jontxu Argibay, ás 21.00 horas, no Centro Cultural Lustres Rivas.

No Día dedicado á Mocidade e Poboación Infantil, no venres, 31 de xullo, o ritmo da noite virá marcado pola orquestra Olympus, ás 23.00
horas, no Malecón, e o Ribeira Urban Fest, ás 23.00 horas, na explanada da lonxa vella, con Lg1do como cabeza xunto a outros DJ.

Non faltará tampouco a ruada, ás 10.00 horas; o mercadiño solidario de A Creba ás 11.30 horas, na rúa Rosalía de Castro; o gran parque de inchables, ás 11.30 horas, no parque García Bayón; a sesión vermú con Chiña, na praza de Vigo, ás 12.30 horas; o torneo 3×3 de baloncesto, ás 17.00 horas; novamente o gran parque de inchables, ás 18.00 horas; e a festa da escuma, ás 20.00 horas, tamén no García Bayón.

O sábado, 1 de agosto, Día da Virxe do Carme dedicado á Xente do Mar, conta tamén cunha ampla oferta de actividades. Tras a ruada das 10.00 horas procederase cun circuíto sensorial de Ágape, na praza do Concello, ás 11.30 horas, para, ás 13.00 horas, asistir á gran sardiñada en Bandourrío amenizada por Drippers, coa colaboración da asociación deste barrio ribeirense. A esa mesma hora, na praza dos Mariñeiros, ofrecerase unha degustación gratuíta con peixe OPP83 Sociedade Galega Cooperativa do Mar Santa Uxía, organizado coa financiación da Xunta de Galicia e o FEMPA.

Xa pola tarde será o momento da misa solemne na honra da Virxe do Carme cantada pola Coral do Circuíto Mercantil de Ribeira, ás 18.30 horas, na lonxa nova. Despois, sairá a procesión marítima e terrestre coa actuación das Cantareiras de Amas de Casa de Ribeira, na lonxa, durante a comitiva por mar. No desenvolvemento deste oficio colaboran Alfaia e Amas de Casa. Ás 19.30 horas disputarse o trofeo de fútbol no campo municipal da Fieiteira. A música da noite virá da man da orquestra Miramar, ás 22.30 horas, no Malecón, e Café Quijano, ás 23.30 horas, na praza de España. A maiores, Planet Discomóbil e Mateo Abelleira actuarán na praza de Pontevedra, ás 01.00 horas.

Para o domingo, 2 de agosto, Día Dedicado aos Nosos Maiores, contémplase o Orballo Cultural, na praza de España, ás 21.00 horas, cos concertos de Catuxa Salom e Fillas de Cassandra. Tamén soará Nueva Línea, ás 00.30 horas, no Malecón, e, ás 02.00 horas, o DJ Rafa Astray. Nesa mesma xornada haberá ruada, ás 10.00 horas; sesión vermú con música dos 80 e 90, no parque García Bayón, con Dani Fontaíña, ás 12.30 horas; e quedada linedance con Taller Alecrín e Dani Fontaíña, na praza do Concello, ás 20.00 horas. O espectáculo de fogos de artificio, ás 00.00 horas, dende o paseo do Touro porá o broche de ouro ás festas. Ademais, haberá un servizo de préstamo de cascos de redución do ruído a cargo de BarbanTEA, a carón do edificio de Cruz Vermella, no Malecón.

Finalmente e como xa é tradición, no luns, 3 de agosto, polo Día do Neno e da Nena, tódalas atraccións de feira terán prezos populares. O horario sen música e ruído para a inclusividade de persoas neuridiverxentes ou con sensibilidade sensorial e auditiva será tódolos días, de 20.00 a 21.30 horas, na zona das atraccións, coa colaboración de Ágape, BarbanTEA e os feirantes.

Deja un comentario