Tralas denunciadas efectuadas no ano 2024 polo Concello de Oleiros á APLU (Axencia de protección da legalidade urbanística da Xunta de Galicia) ante a realización de obras ilegais nunha parcela lindante co paseo da praia de Bastigueiro e outra nas proximidades da praia de Naval, o organismo acaba de resolver o expediente ordenando a demolición nun prazo de 3 meses e acordando o apertura de expediente sancionador nos dous casos tamén, con multas que van dos 60.000 ata 1 millón de euros. O Concello tivo que denunciar estes feitos porque, malia ter Plan Xeral, as competencias na zona de Costas son da Xunta.
No caso de Bastiagueiro, para a realización destas obras de construción de novas edificacións, a persoa propietaria da parcela non solicitou a correspondente licencia municipal. De facelo, tampouco obtería nunca permiso dado que a parte da parcela na que construíu as novas edificacións está cualificada polo Plan Xeral como zona verde e atópase no espazo de protección de costas. De forma totalmente ilegal, creou unhas novas edificacións con diversas estancias e ampliou a pérgola preexistente, na mesma finca onde estaba a caseta que o ditador Francisco Franco utilizaba para o baño.
Nas proximidades da praia de Naval, en Dorneda, tamén ilegalmente se procedeu ao recheo dunha finca con centos de camións de terra. Como resultado desa actuación modificouse totalmente o nivel e a orografía, ata o punto de elevarse en máis de 5 metros sobre as fincas colindantes. Ante a denuncia do Concello, neste momento atópanse xa en execución as obras de restauración.
No Concello de Oleiros existe un Plan Xeral urbanístico que regula o que se pode facer no territorio. Para a realización de calquera tipo de obra é necesario axustarse ao establecido no Plan Xeral e contar coa pertinente autorización municipal. A diferencia da inmensa maioría de municipios, aquí non é posible saltarse as normas nin existen distincións entre os cidadáns en función dos seus recursos económicos.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.