• Izaskun García: “Queremos que propoñan, que critiquen se fai falta e que nos digan que Culleredo queren e que Culleredo necesitan. Teñen voz, teñen ideas e teñen que ser parte do que queremos cambiar”
O PP de Culleredo celebrará mañá venres un encontro aberto con mozos do municipio baixo o lema “Tomamos algo e falamos?”, unha iniciativa pensada para escoitar de primeira man as súas inquietudes, propostas e visión sobre o presente e o futuro do concello. A cita terá lugar a partir das 19.00 horas na cervexería Saoko, na Praza Europa, e contará coa participación da portavoz do PP de Culleredo, Izaskun García, e da directora xeral de Xuventude da Xunta de Galicia, Lara Meneses.
O obxectivo, segundo explica Izaskun García, é abrir un espazo “próximo, informal e útil”, afastado dos formatos políticos tradicionais. “Non queremos facer unha charla, nin un mitin, nin ir alí a dicirlles aos mozos o que teñen que pensar. Queremos sentarnos, tomar algo, escoitarlles de verdade e tomar nota”, sinala.
O encontro abordará cuestións que preocupan especialmente á mocidade, como o acceso á vivenda, as oportunidades de emprego, o transporte público, o lecer, os espazos de encontro, a participación e as oportunidades de futuro en Culleredo. “Moitas veces tómanse decisións que afectan directamente á vida dos mozos sen preguntarlles nada. Nós queremos facer xusto o contrario: que falen, que propoñan, que critiquen se fai falta e que nos digan que Culleredo queren e que Culleredo necesitan”, afirma a portavoz popular, quen defende que o municipio debe aspirar a ser un lugar no que a xente nova “queira e poida quedarse”. “A vivenda, o transporte, o emprego ou o lecer non son asuntos secundarios. Son cuestións que determinan se un mozo ve Culleredo como un lugar para vivir ou simplemente como un sitio de paso”, engade.
A presenza de Lara Meneses permitirá, ademais, que as propostas e demandas dos mozos de Culleredo poidan ser escoitadas tamén desde o ámbito autonómico. “É importante que as súas inquietudes cheguen tamén a quen traballa directamente en políticas de mocidade en Galicia”, indica García.
O PP de Culleredo expón este encontro como o primeiro dunha serie de actos e conversacións con mozas do municipio, co obxectivo de incorporar as súas propostas ao traballo político do grupo municipal e seguir abrindo espazos de participación en barrios e parroquias: “Culleredo necesita escoitar máis aos seus mozos. Sen eles non hai futuro posible. E porque a súa opinión conta, os seus problemas importan e as súas ideas tamén poden mover e cambiar Culleredo”.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.