O encontro foi presidido pola alcaldesa e o director xeral contra a Violencia de Xénero
San Xoán de Palmeira contará por primeira vez con punto violeta
O Concello de Ribeira convocou para o pasado 22 de xuño a Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero, presidida pola alcaldesa, María Sampedro, e o director xeral contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, na que tamén participaron outros cargos institucionais e representantes do ámbito social, sanitario, policial e xurídico.
Esta mesa eríxese como unha ferramenta de traballo onde están diferentes axentes implicados na prevención e atención ás vítimas de violencia para así deseñar liñas estratéxicas para a loita contra este problema social e crear conciencia entre a cidadanía ao respecto. Para a rexedora, “para a loita contra a violencia de xénero é esencial a colaboración institucional e a implicación dos axentes de diferentes áreas para seguir avanzando cara unha sociedade máis igualitaria.
Estamos falando de xustiza social. Mellorar o noso presente repercute no noso futuro.”
Durante o encontro, déronse a coñecer diversas medidas como as charlas á hostalaría para actuar fronte a situacións de violencia de xénero, os puntos violetas operativos durante o 2026 e os obradoiros de prevención da violencia de xénero nos centros de ensino. De feito, o San Xoán de Palmeira contará por primeira vez con punto violeta.
Actualizáronse, así mesmo, a guía de recursos e o protocolo de derivación a proposta do Centro de Información á Muller (CIM) e coa implicación de tódolos agentes.
Finalmente, a Mesa puxo de manifesto o descenso de casos motivado por derivar o procedemento aos xulgados de Santiago e como se dificulta todo o proceso de denuncia.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.