Wednesday 24 de June de 2026

Noia celebra a diversidade coa festa “A Berberechiña” o vindeiro 13 de xuño


Música, cultura, actividades familiares e reivindicación da igualdade daranse cita no Campo da Feira nunha xornada aberta a toda a cidadanía

O Concello de Noia, coa colaboración da Cruz Vermella, organiza o vindeiro 13 de xuño unha nova edición de “A Berberechiña – Festa da Diversidade de Noia”, unha celebración que busca promover os valores da inclusión, o respecto, a igualdade e a convivencia a través da cultura, a música e a participación cidadá.

O evento desenvolverase no Campo da Feira de Noia e contará cun amplo programa de actividades dirixidas a públicos de todas as idades, converténdose nun espazo de encontro para reivindicar a diversidade nun ambiente festivo e participativo.

A programación dará comezo ás 12:25 horas coa lectura do manifesto a cargo de Jerry Noia, seguida da tradicional Festa da Tortilla e do Maripicnic, que estarán acompañados dunha sesión vermú amenizada por DJ Belish.

Ao longo da tarde sucederanse propostas para todos os gustos, como o Maribingo, un obradoiro de foliada e foliada aberta con Gabriel Reboredo, actividades infantís e un obradoiro de baile impartido por Julián Mogín.

A xornada culminará cunha gran proposta musical a partir das 20:00 horas, coa actuación de artistas e grupos como Jerry Noia, Jukebox, Montedapena e HYDN, que porán o broche final a unha celebración que cada ano reúne a un maior número de participantes.

Desde a organización destacan que “A Berberechiña” pretende ser moito máis que unha festa, converténdose nun símbolo do compromiso de Noia cunha sociedade máis aberta, diversa e respectuosa, onde todas as persoas teñan cabida e poidan expresarse libremente.

O Concello de Noia anima á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nesta cita, que combina lecer, cultura e reivindicación nunha xornada pensada para celebrar a diversidade como un valor fundamental da nosa sociedade.