O litoral ribeirense conta con 27 socorristas
A praia de Coroso loce xa a Bandeira Azul unha vez que o Concello de Ribeira volvese concorrer a recuperar unha distinción que outorga a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC). Dito recoñecemento supón unha garantía de calidade das augas, xestión ambiental e servizos para as persoas usuarias dos espazos marítimos.
A alcaldesa, María Sampedro, e o concelleiro de Mar e Promoción do Litoral, Fernando Abraldes, acompañados do equipo de socorrismo, participaron hoxe no seu izado, polo que Coroso é unha das 118 praias galegas recoñecidas con este galardón.
Segundo a rexedora, esta Bandeira Azul “é sinónimo de cumprir cunha serie de condicións que garanten unhas calidades óptimas do areal para os bañistas. Deste xeito, cumprimos o compromiso de traballar para o reforzo dos atributos do noso areal urbano, que se erixe como un dos nosos recursos naturais por excelencia.” A mandataria local tamén lembrou que as 17 zonas de baño no litoral ribeirense avaliadas pola Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade recibiron a cualificación de “Excelente”, polo que “non hai escusa para desfrutar un ano máis da nosa costa.”
Outra das distincións que ostenta o municipio é a de Bandeira Verde de Galicia, que obtivo a finais do ano pasado da man da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático por mor das boas prácticas ambientais e de protección e conservación da paisaxe, a cal tamén ondea na dita praia. Este recoñecemento fundamentouse en dez proxectos que versan sobre a ordenación do territorio; a protección do medio ambiente e da paisaxe; o cambio climático e a eficiencia enerxética; a xestión responsable dos residuos; e accións de sensibilización e comunicación.
Servizo de socorrismo
O litoral ribeirense contará neste verán cun total de 27 socorristas, de luns a domingo. 8 deles xa están en Coroso, outros 8 no Vilar e 7 na Ladeira, de 12.00 a 20.00 horas, ata o 18 de setembro.
Tamén haberá servizo de tarde, dende xullo a agosto, na Corna, Castiñeiras e O Castro-A Catía, de 16.00 a 20.00 horas.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.