Onte, Día de Europa, Gamallo participou nun debate sobre o futuro da Unión Europea con estudantes Erasmus e Erasmus Mundus de diversas nacionalidades
A Xunta de Galicia aposta por un turismo sostible que axude a reactivar o emprego e o crecemento económico nas zonas rurais e que sexa capaz de adaptarse ás novas demandas dos consumidores e ás novas formas de viaxar. Así o defendeu hoxe o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, durante a reunión da comisión de Recursos Naturais (NAT) que tivo lugar os días 9 e 10 de maio na cidade austríaca de Innsbruck, fóra da súa sede habitual en Bruxelas.
Os membros someteron a un primeiro intercambio de opinións o texto dun futuro ditame titulado O motor do turismo para impulsar a cooperación rexional na UE. O representante galego, Jesús Gamallo, subliñou durante o debate o potencial dun sector “que fortalece a cohesión económica e social da UE” e que atopa un aliado esencial nas estratexias de gobernanza multinivel. Tamén se referiu á importancia da colaboración interrexional para impulsar o turismo. Neste senso, referiuse á importancia que para un fenómeno universal coma o Camiño de Santiago teñen os Convenios de Colaboración entre rexións e lembrou que a ruta xacobea colabora, entre outras moitas, coa rexión xaponesa de Wakayama.
O turismo representa en Europa 9,7 millóns de postos de traballo, o 10% do PIB e 1,8 millóns de empresas, a maioría de pemes, de aí a súa capacidade de incidir de xeito positivo no desenvolvemento local e mesmo de poñer freo ao despoboamento ou á emigración dos mozos. Os membros da comisión sinalaron as oportunidades que ofrece a cooperación transfronteiriza neste eido, así como as colaboracións público-privada, pero tamén alertan da redución da cota de mercado da UE no contexto internacional fronte a países emerxentes, unha ameaza que debe ser atendida, entre outras, cun marco fiscal e xurídico máis eficiente e cun mellor aproveitamento das axudas europeas, nacionais e rexionais.
Os representantes rexionais e locais piden unha resposta ao cambio estrutural do turismo e unha adaptación ás necesidades e gustos dos turistas, sobre todo no relativo ao auxe da oferta especializada, como a cultural, o turismo rural ou o agroturismo. Os membros de NAT aplaudiron os cambios e os novos mercados abertos pola dixitalización e a economía colaborativa, mais tamén advirten dos riscos na protección social do sector que as autoridades deben ter en conta no seus enfoques normativos.
Desperdicio de alimentos
A comisión NAT deu tamén hoxe o visto bo a un proxecto de ditame sobre o desperdicio de alimentos, no que a asemblea de representantes rexionais e locais insta á Comisión Europea a establecer obxectivos máis concretos para reducir a perda de alimentos nun 30% de aquí a 2025. Na actualidade, arredor dun terzo da produción destinada ao consumo humano perde nas diferentes fases do proceso, dende a materia prima ao produto final, o que supón un prexuízo económico e medioambiental de millóns de euros. Polo tanto, os membros de NAT solicitan ás autoridades rexionais e locais que elaboren programas propios para controlar os residuos alimenticios, que fomenten o consumo de produtos locais de tempada e poñan en marcha accións formativas sobre planificación alimentaria, entre outras.
No seu encontro en Innsbruck, os membros de NAT intercambiaron tamén opinións sobre os enfoques para unha estratexia europea sobre alcohol.
Ademais, o ámbito rural centrou a conferencia previa á comisión NAT que se celebrou onte, 9 de maio, na mesma cidade de Innsbruck, sobre As zonas rurais como claves para a cohesión económica, social e territorial en Europa, na que interviron autoridades do Tirol, do Mar Báltico ou da comunidade xermanófona de Bélxica.
Debate con Erasmus sobre o futuro da UE
Ademais, co gallo do Día de Europa, que tivo lugar onte, 9 de maio, Gamallo participou xunto con outros membros do Comité das Rexións e estudantes Erasmus e Erasmus Mundus na universidade austríaca de Innsbruck nun debate sobre o futuro da Unión Europea. Na súa intervención, Gamallo defendeu a necesidade de que os cidadáns da UE participen máis activamente no proceso de toma de decisións e resaltou a importancia dun maior coñecemento e maior acceso á información por parte dos cidadáns “na consolidación dunha verdadeira estrutura democrática na UE”.
A Comisión NAT do Comité das Rexións europeo
Neste mandato, Galicia participa en dúas comisións do Comité das Rexións (CdR). Unha delas é a de Recursos Naturais (NAT), que traballa en asuntos como a Política Agrícola Común (PAC), o desenvolvemento rural ou a pesca.
O Comité das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.