Luís Pérez Barral: “as 200 persoas de Ribeira que traballan en Gadis e Froiz merecen salarios e condicións laborais xustas, á altura do esforzo que realizan cada día”
O Bloque Nacionalista Galego participou este martes na xornada de apoio ás traballadoras e traballadores do comercio de alimentación da provincia da Coruña, que están a desenvolver unha folga para reclamar un convenio colectivo digno, con melloras salariais e laborais.
O exalcalde e portavoz Luís Pérez Barral, as concelleiras Cruz Rivadulla, Antía Alberte e o responsable local do BNG Rafa Pazos mostráronlle o apoio da formación nacionalista ás empregadas e empregados dos supermercados que están a mobilizarse para defender unhas condicións de traballo xustas, nun conflito que afecta no noso concello a arredor de 200 persoas.
Luís Pérez Barral subliñou que as traballadoras e traballadores da alimentación están a defender “algo tan básico como poder vivir con dignidade do seu traballo”. Pérez Barral lembrou ademais que “falamos dun sector esencial, como quedou demostrado durante a pandemia, cando estas traballadoras estiveron na primeira liña garantindo o abastecemento e permitindo que a actividade alimentaria non se detivese”.
Desde o BNG consideran que as reivindicacións do persoal son xustas e pasan por mellorar uns salarios que, segundo denuncian as organizacións sindicais, se sitúan arredor dos 1.100 euros mensuais a xornada completa, ademais de reducir a carga laboral, avanzar na conciliación e mellorar os horarios, as licenzas e os descansos.
“Non é de recibo que un sector tan importante para a economía e que ten beneficios continúe instalado na precariedade. Estas traballadoras sosteñen unha parte esencial da cadea económica e comercial do noso concello e, por tanto, merecen un convenio que recoñeza o seu esforzo e a súa responsabilidade”, afirmou o portavoz nacionalista.
Pérez Barral fixo tamén un recoñecemento expreso ao labor que realizan día tras día as traballadoras dos supermercados, “facendo posible que os nosos establecementos teñan todos os produtos á disposición da veciñanza, moitas veces en condicións de enorme presión e cunha carga de traballo moi elevada, especialmente agora no verán co aumento da poboación do turismo”.
“Non hai unha Ribeira mellor se ese avance se constrúe sobre a precariedade laboral; o progreso ten que ir sempre da man de dereitos e de condicións de vida dignas para a clase traballadora” concluíu Barral.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.