• Mercedes Rosón asume a responsabilidade de encabezar un proxecto “libre, rigoroso e sen subordinacións” a aparellos políticos externos
• As Non Adscritas anuncian oficialmente a súa decisión de concorrer ás municipais ante a “parálise” do BNG e a “crispación” de PP e PSOE
• O anuncio chegou este martes na véspera do segundo aniversario do pleno do 24 de xuño de 2024 no que as concelleiras expulsadas do PSdeG desobedeceron a dirección do partido facilitando a aprobación da ordenanza das VUTs
O taboleiro político de Santiago de Compostela viviu este martes un xiro de guión: as catro concelleiras Non Adscritas -Mercedes Rosón, Gonzalo Muíños, Mila Castro e Marta Álvarez- darán un paso adiante cara ás vindeiras eleccións municipais. O novo proceso de creación deste novo proxecto político estará liderado por Mercedes Rosón, quen asume o reto de construír unha alternativa “libre, progresista, rigorosa e centrada exclusivamente nos intereses de Compostela”.
A comparecencia pública coa que confirmaron oficialmente este paso adiante tivo lugar cando queda menos dun ano para as vindeiras eleccións municipais e cando se compren exactamente dous anos desde a celebración do pleno no que se someteu a votación a ordenanza que completaba a regulación das vivendas de uso turístico -o 24 de xuño de 2024- impulsada pola propia Rosón durante o pasado mandato. Unha votación na que, a ruptura da disciplina de voto, custoulle ás catro Non Adscritas a súa expulsión do PSOE.
A semente dunha nova plataforma sen chaves externas
Na súa intervención, Mercedes Rosón deixou claro que a decisión non responde a ambicións persoais e descarta que se produzan “pugnas” polos postos da futura candidatura, como ocorre noutras formacións: “o noso paso adiante é a resposta directa a todas as veciñas e veciños que nos trasladaron o seu afecto e nos pediron que seguísemos”. Neste sentido, a concelleira Non Adscrita recalcou que a “coherencia e lealdade” cos votantes que respaldaron o proxecto político co que concorreron as anteriores municipais “segue intacto”: “a responsabilidade e a lealdade coas persoas ás que representamos non mudou nestes dous anos, e os nosos principios e ideoloxía tampouco” asegurou.
Tampouco o lugar no que tivo lugar este anuncio foi unha decisión aleatoria: o Hotel Virxe da Cerca xa fora o escenario escollido pola mesma Rosón en 2014 cando anunciou a súa dimisión como concelleira socialista tras perder unhas primarias rodeadas de polémica no seo do que era o seu partido fronte a Paco Reyes. Segundo puido explicar a edil, aquel paso ao lado respondía a non sentirse representada co rumbo que tomaba o PSOE. “Hoxe dámonos conta de que a democracia require de novas plataformas que desboten as dinámicas, moitas veces escuras, dos partidos políticos”, asegurou Rosón, quen proclamou o lema que previsiblemente guiará a estratexia futura das Non Adscritas: “somos máis de Santiago que de partido”.
Rosón quixo recalcar a firme intención das Non Adscritas de artellar o proxecto arredor dunha gran rede cidadá que supere as estruturas ríxidas de afiliación. O obxectivo inmediato é poñerse a traballar esta plataforma dende a escoita directa, recollendo as demandas ordinarias sobre vivenda a prezos asequibles, mantemento de infraestruturas, seguridade nos barrios e investimentos no rural. Con este enfoque baseado na proximidade e no coñecemento profundo dos resortes da administración local, o proxecto que lanzan agora as Non Adscritas sitúase na carreira electoral coa ambición non de ser un simple árbitro, senón de converterse na “alternativa real que lidere o vindeiro goberno de Santiago”.
Un balance crítico: entre a parálise do BNG e o bloqueo da oposición
O anuncio do proxecto liderado por Rosón chega tras un balance moi duro do tres anos de mandato do BNG, debullado inicialmente polo voceiro do grupo, Gonzalo Muíños. A menos dun ano para o remate do mandato, Muíños sinalou que as expectativas creadas polo goberno de Goretti Sanmartín tornáronse en “decepcións” debido a unha xestión que cualificou de “deficiente”. Entre os incumprimentos, destacou o descontrol nas concesionarias de limpeza, a falta de planificación nos aparcadoiros de Praza de Galicia e Praza de Vigo, a perda de fondos europeos para a Praza de Abastos e a lagoa do Auditorio de Galicia, os retrasos na obra de García Lorca ou a débeda acumulada con provedores que obrigou a aprobar un Plan Económico e Financeiro.
Así mesmo, dende o grupo criticouse a “oposición desleal” e a política de crispación instalada por parte do PP e do PSOE oficial. Pola súa parte, Mila Castro subliñou a necesidade de substituír a confrontación polo debate e o entendemento, lembrando que o pleno deixou de ser útil polo recurso sistemático do “e ti máis”. Castro reivindicou que fitos clave deste mandato, como o desbloqueo de tres orzamentos municipais, a operación Peleteiro, a ordenanza de mobilidade ou a taxa turística, saíron adiante “a pesar da mala xestión do goberno” e grazas á responsabilidade que mantiveron as catro concelleiras non adscritas: “os nosos votos foron os que permitiron desbloquear estes proxectos”.
Esta dobre crítica —tanto á ineficacia do executivo como ao electoralismo da oposición— serviu para que o grupo se reivindicase como un factor de estabilidade indispensable durante este ano. Por iso, insistiron en que o apoio puntual a proxectos estratéxicos non foi un premio á xestión do executivo de Sanmartín, senón o froito dun debate construtivo que o propio grupo forzou dende a súa autonomía na corporación.
“A nós dóenos Santiago”
Na súa intervención, a edil Mila Castro reivindicou a política útil, “responsable e con altura de miras”. Neste sentido, lamentou que nos últimos anos “tanto BNG como PP se esforzaron en converter a política só en polémica”.
“Estamos nun momento que moitas e moitos, eu inclúome, estamos decepcionadas co que vemos cada día nas noticias” insistiu. Un argumento que empregou para xustificar o paso adiante, co obxectivo de converter os “problemas reais” na única prioridade política do novo proxecto político.
Un proxecto baseado no social e na vocación de servicio
O deseño do proxecto non só se apoia na experiencia de xestión, senón nunha traxectoria vital moi vinculada á rúa e ao tecido social da cidade. Marta Álvarez foi a encargada de debullar o perfil humano do equipo que acompañará a Mercedes Rosón neste camiño, aínda que sen adiantar ningunha confirmación para a lista electoral porque “os nomes son o de menos”. Álvarez destacou a vocación de servizo público e o perfil social tanto de Mila Castro como dela mesma, sanitarias nos centros de saúde de Fontiñas e o Ensanche respectivamente, así como o compromiso histórico de Gonzalo Muíños co deporte de base de Santiago e a súa accesibilidade total para os representantes veciñais.
Álvarez xustificou o liderado de Mercedes Rosón definíndoa como “unha muller desas que teñen o mundo na cabeza” e implicada activamente no movemento feminista, no asociacionismo LGTBIQ+, e o activismo pola lingua ou a cultura.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.