Neda porá en marcha, un ano máis, na piscina municipal un programa matinal de actividades dirixido á rapazada. Xogos acuáticos, natación en distintos niveis, e outros deportes de auga serán os piares de cada unha das sesións do programa, para o que se abre este martes o prazo de inscrición (posteriormente formalizarase a matrícula). Ofrecerá unhas 60 prazas repartidas nas quendas de xullo e de agosto.
No primeiro mes, os nenos e nenas de entre 4 y 13 anos poderán desfrutar da iniciativa os martes e xoves pola mañá. En función da idade e de que teñan ou non coñecementos de natación organizaranse tres grupos con horarios diferenciados. Mentres, na segunda quenda, a de agosto, cada grupo terá tres horas de actividade semanais (martes, xoves e venres).
Os circuítos de habilidade e os xogos cooperativos – busca do tesouro, obstáculos acuáticos, tesouros afundidos, waterpolo…- serán a base da aprendizaxe neste ciclo de actividades acuáticos que combina deporte e lecer. O programa favorecerá a evolución psicomotriz da rapazada dentro da auga, ensinando aos máis pequenos a nadar ou, no caso de que xa saiban, a perfeccionar a súa técnica.
As familias interesadas en que os seus fillos ou fillas participen no programa, deseñado para evitar o sedentarismo durante as vacacións, poden dende hoxe mesmo inscribir aos menores no horario habitual da piscina (luns a venres, de 15.30 a 20:30 horas e, sábados e domingos, de 12 a 20:30 horas). A inscrición farase por quendas independentes, tendo a primeira a de xullo un custo de 15 euros e a de agosto, cunha hora extra semanal, un prezo de 25 euros. Unha vez que se establezan os grupos, deberá formalizarse a matrícula.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.