O programa, que se realiza do 20 ao 27 de xuño, enmárcase na aposta municipal pola mobilidade europea da mocidade.
Froito da colaboración do Concello da Laracha con distintas entidades europeas, e no marco dos programas de intercambio xuvenil que se veñen desenvolvendo nos últimos anos, nestes días un grupo de mozos do municipio participa nunha nova edición desta iniciativa internacional que se desenvolve en Venecia.
A expedición está formada por cinco mozos e dous acompañantes do Concello, que se atopan aloxados na cidade italiana xunto a participantes doutros países. En concreto, da Junta de Freguesia de Buarcos da localidade portuguesa de Figueira da Foz e do Centro de Lengua y Cultura Española “Abanico” de Tiflis, en Xeorxia. A viaxe desde a Laracha comezou o pasado sábado, día 20, e o regreso está previsto para o sábado que vén, día 27. O programa desenvólvese en colaboración co Polo Tecnico Professionale de Venecia, entidade coa que o Concello da Laracha mantén unha liña de cooperación estable desde hai varios anos.
Durante a semana realizarase un amplo abano de actividades vinculadas ao deporte, saúde, políticas de xuventude, medio ambiente, igualdade, emprendemento, creatividade, arte, turismo activo, cultura e aprendizaxe de idiomas. Ademais, coñecerán distintos puntos de interese da cidade, entre os que destacan a visita á Basílica de San Pedro de Castello, ademais doutros espazos culturais e patrimoniais de Venecia, así como diferentes actividades de intercambio e convivencia con mozos doutros países.
Este tipo de iniciativas forman parte da estratexia do Concello para fomentar a mobilidade xuvenil, promover o coñecemento doutras culturas e idiomas, fortalecer a cooperación europea e contribuír á formación en valores da mocidade, ao tempo que se proxecta o municipio no exterior.
Así mesmo, no marco destes programas de intercambio, está prevista unha nova viaxe a Tiflis, capital de Xeorxia, que se desenvolverá do 4 ao 11 de xullo.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.