O voceiro do grupo, Gonzalo Muíños, avanza que a postura adoptada é totalmente consensuada e responde á necesidade de “aclarar o camiño a tomar” a menos dun ano das eleccións.
Mercedes Rosón, Mila Castro, Marta Álvarez e Gonzalo Muíños comparecerán este martes en rolda de prensa para anunciar a decisión conxunta sobre o seu futuro político e o camiño que adoptarán ante o escenario das vindeiras eleccións municipais, para as que queda menos dun ano.
O portavoz do grupo, Gonzalo Muíños, adiantou este luns que, despois de máis dun ano sendo na condición de Non Adscritas “toca aclarar, e aclararnos, sobre o camiño que debemos tomar”. Unha decisión que, segundo explicou, tomaron “escoitando cada día o que nos din as nosas veciñas e veciños” e amosando o seu agradecemento “polo afecto e apoio recibido durante estes case dous anos” despois da crise socialista vivida en Compostela a raíz da votación da regulación das vivendas de uso turístico que rematou coa súa expulsión do partido.
“Sen especulacións e sen leas internas”
Unha imaxe de unidade: é así como se presentarán as Non Adscritas este martes logo de tomar unha decisión “consensuada, sen leas internas e sen especulacións”. Segundo Muíños foi precisamente esa unidade “a que nos permitiu chegar a manternos hoxe coa dignidade que se nos intentou negar”.
Será a partir das once da mañá cando Muíños, Rosón, Castro e Álvarez expliquen o camiño polo que van optar: “farémolo coa sinceridade coa que sempre procuramos dirixirnos ás nosas veciñas e veciños”.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.