O pasado sábado 20 de maio, o merendeiro de Cabío converteuse no escenario idealpara a celebración do Día das Familias. A xornada, organizada pola Asociación Ambar das Persoas con Diversidade Funcional e marcada polo bo tempo e a alta participación, logrou o seu obxectivo principal: estreitar lazos comunitarios a través do xogo, a aprendizaxe e a convivencia interxeracional.
Máis de 120 persoas asistiron ó merendeiro de Cabío para participar nunha xincana de catro probas e compartir unha xornada de convivencia. A aprendizaxe da lingua de signos, o traballo en equipo e o lecer foron os grandes protagonistas dunha xornada que pechou co tradicional vermú musical.
A actividade central da mañá foi unha xincana adaptada para todas as idades e dividida en catro estacións temáticas. Cada participante recibiu unha credencial oficial que debía ir completando cos selos correspondentes ao superaren cada proba.
Tras completaren con éxito a rotación por todos os postos e encheren as súas credenciais, a xornada mudou cara a un ambiente máis relaxado e festivo. O broche de ouro púxose cun picoteo comunitario e unha sesión vermú musical, un dos momentos máis valorados polos asistentes, consolidando o evento como unha xornada de lecer compartido.
Dende a organización destacan o éxito da convocatoria e agradecen a implicación de todas as familias, cuxo entusiasmo fixo posible que este Día das Familias fose un recordo inmellorable.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.