Monday 22 de June de 2026

O Concello de Ribeira programa viaxes a Sálvora, Ons e a ruta do mexillóns


 Estas travesías náuticas desenvolveranse nos meses de xullo e agosto

O Concello de Ribeira segue reforzando o seu nexo de unión co mar ao tempo que oferta actividades de lecer para o verán. En consecuencia, nos mércores e sábados de xullo e agosto haberá travesías náuticas; todas elas con saída do porto ribeirense.
“Chega o verán e o Concello de Ribeira xa ten preparada unha ampla programación coa vista posta no mar e vivir experiencias na natureza. Presentamos as viaxes que imos ter por mar a dous dos arquipélagos que conforman o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas, pertencendo un deles a Ribeira. E, xa que estamos na ría da Arousa, coñeceremos un dos nosos produtos estrela como é o mexillón. Queremos que a xente coñeza todo o proceso antes de que chegue aos nosos pratos. Trátase, polo tanto, de poñer en valor o noso patrimonio natural e cultural. En vindeiras datas anunciaremos o resto de medidas que integran a estratexia turística que segue Ribeira para este verán”, en palabras da concelleira de Turismo, Ana Barreiro, na compaña de Ana Pérez, en representación da empresa Golfiño Xestión de Ocio.

As visitas á illa de Sálvora terán saída ás 10.00 horas, cunha tarifa estipulada nos 33 euros por persoa adulta, 15 euros para rapazada de 3 a 12 anos e gratuíto para os nenos e nenas con idades inferiores.

Tamén se contará con ruta do mexillón que partirá ás 17.30 horas no mes de xullo, mentres que no de agosto será ás 16.30 horas. O prezo é de 20 euros por persoa adulta, 10 euros para rapazada de 3 a 12 anos e gratuíto para menores.

E a visita á illa de Ons será en lancha rápida no 9 e 24 de xullo, así como no 14 e 28 de agosto, ás 10.00 horas. O importe a pagar é de 32 euros por persoa adulta e 16 euros para rapazada con idades comprendidas entre os 5 e 12 anos. Non se recomenda esta actividade para embarazadas, menores de 5 anos e persoas maiores.

Máis información e reservas a través do teléfono de contacto 986 731 818, no enderezo electrónico info@crucerosdoulla.com e en www.crucerosdoulla.com.

Ademais, hai opción de compra presencial na caseta a carón da parada central de autobús. A expedición dos tíckets funcionará durante o mes de xullo nos mércores e sábados, de 09.00 a 14.30 e de 16.30 a 19.00 horas, nos martes e venres, de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas, e nos domingos, de 10.00 a 14.00 horas. Así mesmo, no xoves 9 e no venres 24, con motivo das viaxes a Ons, estará aberta xa dende as 09.00 horas.

No que respecta ao mes de agosto, o horario será mércores e sábados, de 09.00 a 14.30 e de 15.30 a 18.00 horas, martes e venres, de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas, e nos domingos, de 10.00 a 14.00 horas. Por mor das viaxes programadas a Ons, nos venres 14 e 28 adiantará a apertura ás 09.00 horas.

Deja un comentario