A alcaldesa e o deputado Xosé Manuel Golpe acompañaron ás familias na entrega de máis de 3.000 sinaturas na Delegación Territorial da Xunta en Ferrol
O goberno local súmase ás denuncias sobre o deterioro do instituto e reclama actuacións por parte da Consellaría de Educación
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, e o deputado autonómico Xosé Manuel Golpe acompañaron ás representantes da ANPA do IES de Fene á Delegación Territorial da Xunta de Galiza en Ferrol, onde fixeron entrega de máis de 3.000 sinaturas recollidas para reclamar actuacións urxentes ante o estado de deterioro que presenta o centro educativo.
A asociación de nais e pais denuncia unha situación que, segundo sinalan, se vén prolongando desde hai anos e que inclúe problemas estruturais e de conservación como fendas no chan e nas columnas, filtracións de auga nas aulas, tellas rotas, presenza de vexetación na cuberta e numerosas gretas, entre outras deficiencias.
A estas demandas súmase unha reivindicación histórica da comunidade educativa: o peche dunha das pistas deportivas, unha actuación que permitiría o seu uso durante os días de choiva e melloraría as condicións para a práctica da actividade física.
Desde a ANPA critican o que consideran unha situación de inmobilismo por parte da Consellaría de Educación, motivo polo que decidiron impulsar a campaña de recollida de sinaturas. Ademais, avanzan que, de non producirse compromisos concretos por parte da Administración autonómica, se intensificarán as mobilizacións, que se sumarán ás que xa vén desenvolvendo o profesorado do centro.
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, quixo trasladar o apoio do goberno municipal ás reivindicacións da comunidade educativa, lembrando que “o Concello leva tempo denunciando a situación do instituto e reclamando investimentos que permitan garantir unhas instalacións dignas para alumnado e profesorado”.
A rexedora destacou que “non estamos a falar de melloras accesorias, senón de cuestións básicas relacionadas coa conservación e a seguridade dun centro polo que pasan centos de mozos e mozas cada día”.
Neste sentido, engadiu que “as máis de 3.000 sinaturas presentadas evidencian que esta é unha demanda compartida por toda a comunidade educativa e por unha parte importante da veciñanza”.
Sandra Permuy apelou á Consellaría de Educación para que “abandone a pasividade e adquira compromisos concretos para resolver unha situación que non pode prolongarse máis no tempo”, reiterando que o Concello continuará apoiando as reivindicacións das familias, do profesorado e do conxunto da comunidade educativa do IES de Fene.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.