Sunday 21 de June de 2026

O Bloque rexeita que a veciñanza pague as consecuencias económicas da gasolineira ilegal


O BNG realizou hoxe un reparto informativo no mercado co obxectivo de explicar á veciñanza a situación xerada arredor da gasolineira de Xarás e as consecuencias económicas que podería ter para o Concello de Ribeira un caso que, segundo denuncian, foi provocado pola concesión por parte do Partido Popular dunhas licenzas declaradas ilegais pola Xustiza.

Durante a xornada, integrantes do Bloque informaron á poboación para dar a coñecer os detalles dun expediente que podería supoñer para as arcas municipais unha indemnización de ata 4 millóns de euros. O BNG sostén que a veciñanza ten dereito a coñecer “con total claridade” o alcance dun asunto que, de non depurarse responsabilidades políticas, podería acabar repercutindo no peto da veciñanza.

O portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, explicou que a alcaldesa tentou manter lonxe do debate público un asunto que compromete recursos públicos. “Estamos a falar dun caso grave, no que o Concello podería asumir unha factura millonaria por unhas licenzas dadas polo goberno do Partido Popular anuladas pola Xustiza.

O BNG considera especialmente grave que o Partido Popular votara en contra de emprender as accións oportunas para reclamar responsabilidades patrimoniais ás persoas que formaban parte das xuntas de goberno que aprobaron as licenzas anuladas posteriormente polos tribunais. Xuntas de Goberno Local nas que ademais de Manuel Ruiz, tamén estaban concelleiros e concelleiras do PP que hoxe forman parte da Corporación Municipal como: María Sampedro, Ana Barreiro, Victor Reiriz, Juana Brión e Ramón Doval ou Vicente Mariño.

Barral insistiu en que o Bloque non vai aceptar que o custo económico desta situación recaia sobre os veciños e veciñas. “O que non pode pasar é que despois dunha cadea de decisións irregulares sexa a poboación quen remate pagando a través dunha suba de impostos e taxas ou da perda de investimentos e servizos públicos para as parroquias. Se houbo responsables políticos que actuaron mal, son eles os que teñen que asumir as consecuencias”, afirmou.

Desde o BNG lembran que no pleno extraordinario celebrado esta semana a formación defendeu a necesidade de iniciar os trámites para depurar responsabilidades e reclamar patrimonialmente aos causantes da concesión das licenzas anuladas. Porén o Partido Popular de María Sampedro votou en contra desa proposta e optou por defender os intereses do seu partido protexendo os responsables políticos, en vez de defender os intereses da veciñanza.

O portavoz nacionalista advertiu ademais de que a posible indemnización pola gasolineira chega nun momento no que o Concello xa soporta unha elevada débeda de 13 millóns, polo que engadir unha nova carga millonaria “sería un golpe durísimo para a estabilidade económica de Ribeira”. Nese sentido, sinalou que o BNG non vai renderse e esixe depurar responsabilidades políticas e legais para evitar que “nin un só euro” dos cartos públicos da veciñanza se destine a pagar “as ilegalidades do Partido Popular”.

“O noso compromiso é informar, defender os intereses da veciñanza e chegar ata o final para que Ribeira non pague unha factura que non lle corresponde. O BNG vai seguir facendo o que non fai o Goberno local: dar a cara, contar a verdade e defender os cartos de todos e de todas”, concluíu Barral.

Deja un comentario